Onte tivo lugar a Comisión Superior de Persoal, tratando na orde do día as seguintes cuestións:
Convocatoria do proceso selectivo, acceso libre e promoción interna, no corpo superior, subgrupo A1, escala de letrados:
UGT: en contra. CIG: en contra. CCOO: en contra. CSIF: en contra.
Sentido do voto de UGT:
Como se expuxo en reunións previas, así como en Mesa Xeral, UGT considera que o sistema utilizado non é eficaz nin eficiente nos seus resultados. Urximos a que se analice, revise e modifique o sistema do proceso selectivo. Na quenda de promoción interna non existe redución de temario nin de probas. Contén un exceso de notas de corte e en definitiva trátase dun corta e pega de bases anteriores que teñen demostrado a súa inoperancia no seu resultado, remitíndonos aos datos dos últimos procesos convocados.
Rogos e preguntas:
- Acumulación de prazas de discapacidade dos procesos da Lei 20, non cubertas á quenda libre?
- Están analizando a cuestión, cando teñan a decisión tomada comunicarana ás OOSS.
- Exclusións de candidatos da quenda de promoción interna do proceso de Axentes Técnicos de Xestión Ambiental:
- UGT manifesta que temos constancia de que dende a Dirección Xeral de Emprego Público, en días pasados estivéronse a realizar chamadas telefónicas, nas que se comunicou a candidatos admitidos en provisional, da categoría de Xefes/as de Brigada, que se cometeu un erro coa súa admisión e polo tanto procedía á súa exclusión, non obstante danlles a opción de participar en acceso libre.
O anterior consideramos que é un erro de procedemento, porque non se entende que se poda resolver desa forma a cuestión, dado que si o argumento é que pertencen ao mesmo subgrupo de clasificación (C1-B), este feito afecta tanto para o acceso libre como na quenda de interna.
- UGT propón que se unifiquen as dúas escalas nunha soa, con dúas especialidades, solución que remataría coa controversia que a Administración xerou.
- Ao final da mañá recibimos confirmación de que si poden participar na quenda de interna.
Información facilitada pola DX do Emprego Público e Administración de Persoal:
Encóntrase publicado o calendario na páxina web da Dirección Xeral.
A Directora ofrece ademais a seguinte explicación sobre esta cuestión:
- Sobre os 22 procesos convocados en 2023:
- Hai 3 que xa están rematando os exercicios, en concreto na escala de letrados, superior de sistemas e tecnoloxías da información e a superior de estatísticos.
- Nos restantes 19 procesos, en xeral mantéñense as datas anunciadas, con pequenas variacións en 5 deles realizadas por razóns organizativas.
- O primeiro exercicio dos procesos de promoción interna separada dos corpos da administración xeral realizarase os días 1 e 2 de febreiro de 2025. Estes procesos non se poden realizar antes do mes de febreiro de 2025 dado que hai 21 persoas que forman parte dos tribunais dos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021. Estas 21 persoas están inscritas nalgún destes procesos e terían que renunciar a formar parte destes tribunais no momento en que se publicasen as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, por este motivo e tendo en conta que a data límite destes procesos é o 31/12/2024 as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas publicaranse a primeira semana do mes de xaneiro de 2025, o que determina que o primeiro exercicio non se poda realizar antes do mes de febreiro de 2025.
- O primeiro exercicio dos procesos para persoas con discapacidade intelectual non será antes do mes de xuño de 2025, dado que está pendente a publicación no DOG dos temarios destes procesos e segundo solicitude das asociacións o primeiro exercicio non se realizará ata que transcorra como mínimo 6-9 meses dende a publicación destes temarios.
- En relación cos procesos convocados en 2024:
- Son en total 25 procesos, 13 de acceso libre e 11 de promoción interna separada e 1 para persoas con discapacidade intelectual.
- Convocaranse 544 prazas e recibíronse 11.144 solicitudes. O primeiro exercicio destes procesos realizarase entre os meses de marzo e xuño de 2025, segundo consta no calendario.
- Compre indicar que o proceso para persoas con discapacidade intelectual, na escala de persoal subalterno, non será antes do mes de xuño de 2025, a data determinarase segundo o acordado coas asociacións cando se estableza a data do primeiro exercicio dos procesos para persoas con discapacidade intelectual convocados en 2023.
- Non se presentou ningunha solicitude para o proceso de promoción interna na especialidade de Enxeñaría Técnica en Obras Públicas, motivo polo que non se inclúe este proceso no calendario.