Cada día fanse máis evidentes nas nosas vidas os efectos daniños do modelo depredador que herdamos. A campaña do Día Mundial do Medio Ambiente de 2024 céntrase na restauración das terras, a resiliencia á seca e a desertificación, baixo o lema ‘As nosas terras. O noso futuro. Somos a #GeneraciónRestauración’. Non podemos retroceder no tempo, pero si podemos facer crecer os bosques, revitalizar as fontes de auga e restaurar os chans. Somos a xeración que pode facer a paz coas terras.
A educación sobre o cambio climático está inextricablemente interrelacionada con outros aspectos da educación para a sustentabilidade no sentido máis amplo (por exemplo, a educación ambiental, a produción e o consumo sostibles, e a economía sostible), a educación en materia de dereitos humanos, a educación para a cidadanía global, a educación para un entendemento intercultural, a educación antirracista e a educación para a paz.
O Sector de Ensino de UGT considera os centros escolares como lugares onde promover un maior respecto polo medio ambiente como garantía dun futuro máis saudable. Neste sentido, consideramos que os centros escolares son un lugar idóneo onde concienciar aos nosos mozos sobre a importancia do medio ambiente, non só a través dos contidos que aparecen no currículo educativo, senón mediante a aplicación práctica de medidas de xestión dos recursos escolares, como campañas de reciclaxe, programas de aforro enerxético e de auga etc.
Desde UGT, apostamos por que os centros escolares, en si mesmos, sexan espazos respectuosos co medio ambiente. Para que sexa posible, reclamamos das Administracións educativas a súa implicación nesta tarefa por medio da adopción de políticas orientadas á protección medio ambiental: con instalacións que garantan a “pegada cero”, pero tamén por medio da xeración de recursos como a enerxía verde e o uso responsable da auga.