Docentes do IES do Milladoiro, familias e representantes sindicais concentráronse esta mañá diante do Instituto para denunciar que no centro existe un “clima contrario á convivencia”
Trasladáronnos o seguinte comunicado:
COMUNICADO POLA CONVIVENCIA POSITIVA NO MILLADOIRO
As traballadoras e traballadores do IES do Milladoiro pedimos unha solución para conseguir recuperar o normal desenvolvemento da actividade educativa, para preservar o dereito do persoal docente e non docente a exercer o seu labor profesional en condicións dignas, así coma o dereito de todas as alumnas e alumnos do noso centro a unha educación inclusiva, libre e en paz. Un clima contrario á convivencia prexudica a toda a comunidade educativa, pero, fundamentalmente, ao propio alumnado.
Esta concentración nace dun profundo malestar entre unha maioría significativa do profesorado ante diversas anomalías que se veñen producindo dende o inicio do curso, relativas á organización e funcionamento do noso centro. A xestión do Centro no referente á convivencia escolar trocou unha situación inicial de malestar nunha sensación xeneralizada de indefensión.
Solicitamos respostas e instrumentos eficaces que logren reverter esta non desexada situación. Pedimos que se nos escoite desde a administración para poder abrir un diálogo construtivo para mellorar a convivencia positiva no IES do Milladoiro.
Agradecemos os xestos de apoio, complicidade e acompañamento do persoal non docente, familias, asociacións, ex-profesorado do centro, outro profesorado e representantes dos sindicatos de UGT-SP e outras organizacións sindicais.