As organizacións CCOO, ANPE e UGT-SP decidimos asinar o “Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación” logo das negociacións mantidas ao longo de toda a semana pasada no seo da Mesa Sectorial.
Lamentamos a actitude da CIG nesta negociación, que se negou a facer unha soa aportación ata a terceira sesión, en temas tan importantes como a redución de ratios, redución do horario lectivo, recoñecemento da responsabilidade asumida polos equipos directivos, racionalización da burocracia, etc.
CCOO, ANPE e UGT-SP desde o primeiro momento puxemos todos os nosos esforzos en presentar propostas que mellorasen a proposta inicial da Administración nos temas centrais da negociación.
Redución de ratios: (Neste apartado finalmente conseguimos)
- Definir a redución de ratios en Infantil e Primaria, Secundaria e Bacharelato a 20, 25 e 30 respectivamente. A redución en Infantil comezará no curso 2024/25 de forma progresiva e continuará en Primaria da mesma forma. En Secundaria e Bacharelato adiantouse a negociación do calendario de implantación das novas ratios á finalización do proceso en Educación Infantil.
- Non se realizará o peche de unidades nin supresións de persoal naqueles centros de Infantil, Primaria, Secundaria ou Bacharelato, se coas ratios finais a aplicar non correspondese facelo.
- As aulas que no curso 24/25 estean entre 20 e 25 alumnas/os non verán incrementada o seu número actual de alumnado durante todo o proceso de implantación. Isto resulta fundamental, xa que introduce ratios flexibles en función da realidade de cada centro compensando así a duración do proceso.
- Dende o curso 24/25 computará a todos os efectos o alumnado repetidor. O alumnado con discpacidade igual ou superior ao 33%, cun grao 1 de dependencia ou cun trastorno grave de conducta, computará dobre. Aquel que teña un grao de discapacidade superior ou igual ao 65% ou grao de dependencia 2 ou 3, computará triple.
- Reactivación inmediata do Acordo de Agrupamentos asinado en xullo de 2009, as ratios redúcense a 14, 12 e 10 alumnas/os nas aulas que mesturan alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas.
Todas estas medidas van supor unha redución efectiva de alumnado en moitísimas aulas de Galicia dende o curso que vén, evitando a sangría de supresións que se producían cada ano.
Redución de horario lectivo:
Finalmente a Consellería viuse obrigada a abordar este tema cunha redución do horario lectivo nas etapas de Educación Infantil e Primaria a 23 horas. Esta baixada supón un paso previo á recuperación das 18 e 21 horas lectivas co compromiso de negociación da redución global do horario lectivo en todos os corpos docentes, vinculado á redución da xornada laboral de 37,5 a 35 horas semanais para todos os empregados públicos. Esta medida xa se fixo efectiva en varias comunidades autónomas.
Incluír un avance e un compromiso neste apartado constituiu un punto fundamental para as organizacións asinantes durante todo o proceso negociador.
Melloras retributivas:
Neste apartado, que non era o prioritario do acordo, aínda que si de suma importancia, conseguimos avances importantes para distintos colectivos.
- Unha suba de 60€ para cargos directivos, responsables de centros de menos de tres unidades e outros postos de responsabilidade.
- Unha suba do 20% nos sexenios, vencellados á formación permanente, e complementos de titoría e outras funcións docentes, que abranguen á totalidade do profesorado galego.
Racionalización da burocracia:
Ante as constantes demandas por parte do colectivo docente pola sobrecarga burocrática, establécese a creación neste curso dun grupo de traballo para elaborar un plan de simplificación das tarefas burocráticas que se aplicará xa no curso 24-25.
A sinatura deste acordo non supón en ningún caso a renuncia á recuperación do horario lectivo das 18 e 21 horas lectivas nin a seguir avanzando noutras melloras de carácter retributivo e laboral.
De feito, xa está tramitada a solicitude ante Función Pública para iniciar a negociación da redución da xornada laboral a 35 horas semanais para todas e todos os empregados públicos. Esta redución ten que conlevar non só a redución do horario complementario, senón tamén a redución do horario lectivo de todo o profesorado galego.
Como balance do acordo acadado, podemos concluír que é positivo, entre outras polas seguintes razóns:
- Recolle boa parte das reinvindicacións realizadas polas nosas organizacións durante os últimos anos e negociadas, con talante e altura de miras, durante a Mesa Sectorial da semana pasada.
- É un acordo que non requeriu ningunha xornada de mobilización por parte do profesorado, o que confirma que a estratexia rupturista e só mobilizadora que propugnan outras organizacións sindicais non consegue resultados e resulta estéril se non se acompaña de vontade e capacidade de negociación.
- Enfróntanos ao descenso demográfico reducindo o alumnado por aula e mantendo os postos de traballo en vez de eliminar unidades e destruír emprego docente.