Sectores

SPIF: Apertura da negociación do acordo das condicións de traballo

O pasado dia 27 celebrouse a primeira reunión da negociación do ACORDO DE CONDICIÓNS DE TRABALLO para o persoal do SPIF, tal como se quedara nas reunións previas á funcionarización do persoal.

Nesta primeira reunión participaron a SXT de Medio Rural, a Dirección Xeral de Defensa do Monte , UGT e os outros 3 sindicatos con representación na Xunta de Galicia.

Non tendo contido específico a reunión serviu para coñecer as formulacións iniciais tanto por parte da administración como pola parte de UGT e demais sindicatos.

Destas formulacións iniciais tanto pola parte da administración como pola parte de UGT expresouse a voluntariedade de tratar todos os temas que afectan ao persoal na actualidade destacando:

  • O modelo de servizo que queremos para o SPIF.
  • As funcións e cometidos que teñen que realizar cada unha das categorías do SPIF.
  • As condicións de traballo que van a regular ao persoal do SPIF.

Estas tres liñas básicas abarcan uns contidos moi amplos que deberán tratarse en sucesivas reunións, sen que haxa un documentos inicial. O procedemento de traballo será por bloques temáticos, establecerase o contido da reunión e tanto administración como sindicatos farán as achegas que consideren para logo traballar sobre elas e chegar ao acordo, si é posible.

Durante a reunión a administración estivo aberta a tratar todos os temas que lle foron formulados, tanto UGT como as demais organizacións sindicais estiveron moi activas, tocando un gran número de puntos que necesitan mellora ou regulación, quedando claro que este ACORDO e moi necesario e moi esperado polo persoal. A mutilación sufrida polo V Convenio no ano 2012 por mor da  crisis económica, cuns recortes que se seguen aplicando en base a unha Lei de Medidas no ano 2023, obrigan a traballar de un xeito moi precario ao persoal do SPIF.

Por destacar algo das nosas intervencións en función das liñas expostas anteriormente:

  • Solicitamos un modelo de servizo a DXDDM que de cobertura as 24h do día os 365 días do ano, con equipos de traballo que sempre conten cun Xefe de Brigada. Modelo que cubra o 100% do territorio e sexa 100% público baixo mando único. Recuperación das Brigadas Helitransportadas que aínda seguen privatizadas. Definir se o servizo, como o de outras Comunidades Autónomas, vai a ter competencias de emerxencias no rural. Temos o persoal necesario e formado que está desempeñando postos de 6 meses que perfectamente pode pasar a 12 para que o servizo funcione.
  • Solicitamos que se definan as funcións para cada unha das categorías do SPIF. No caso de que estas funcións que se realizan supoña un aumento das establecidas inicialmente para a categoría, como creemos que acontece na categoría de Emisorista/vixilante, se faga unha reclasificación da mesma.
  • É urxente un acordo sobre horarios, quendas, descansos e compensacións. Asemade unha regulación para os grandes lumes que evite os longos desprazamentos continuados, tanto en lumes da Comunidade Autónoma como os de fora dela onde interveña o SPIF. A preparación física e a formación deben ser un punto fundamental no noso organigrama de traballo.

Quedamos a espera da seguinte convocatoria de reunión e con moitas gañas de afrontar o reto de sentar as bases do SPIF do futuro. Animamos á administración a que o afronte do mesmo xeito e se faga un traballo serio e duradeiro que poña fin as eivas de este Servizo cuxo valor principal está no persoal que sempre demostra que cando se lles necesita están aí.

Descarga este documento

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.