A Consellería informou o curso pasado da súa intención de iniciar unha negociación sobre temas de interese para o noso sector como son a baixada de rateos, a disminución de horas lectivas e da xornada semanal, así como a redución da burocracia.
A día de hoxe non temos convocatoria de ninguna mesa sectorial e os temas a tratar son máis que urxentes!
- Levamos anos pedindo a recuperación dun dereito que xa era noso pero polo RD 14/2012 nos quitaron. Unha medida temporal que non chega nunca ao seu fin. Unha reivindicación máis que necesaria é a da redución do horario lectivo. O profesorado precisa tempo para a planificación, a coordinación, a atención ao alumnado con necesidades… Esiximos as 21 horas lectivas en educación infantil e primaria, e as 18 no resto das etapas e unha xornada semanal de 35 horas.
- As condicións laborais do profesorado galego son moi importantes por eso pedimos substitucións inmediatas e redución da burocracia. As tarefas como docentes son numerosas e a estas engádense horas e horas de burocracia que dificultan o día a día nos centros. Á súa vez está a problemática das afíns, non podemos presumir de ter unha educación de calidade cando se obriga ao profesorado galego a impartir materias que non forman parte da súa especialidade docente. O alumnado, que é o futuro da nosa sociedade, non ten a culpa do aforro que quere facer a Consellería.
- Denunciamos dende hai moito tempo que o ensino non pode ser de calidade se a rateo non se axusta ás necesidades actuais do alumnado. A día de hoxe, a atención que se lle pode prestar a un discente é de dous minutos en infantil e primaria, e aínda menos nas etapas de secundaria e bacharelato. Como é posible que se pretenda unha atención individualizada contando con eses tempos??? Como é posible atender as dificultades e necesidades específicas que poida ter o alumnado baixo estas condicións? Unha das campañas que lanzamos da redución de rateos era que, coa baixada da natalidade, a Administración tiña a oportunidade de facelo a custe cero. A resposta que vemos é, como todos os anos, unha supresión de máis de 60 unidades e de máis de 100 profesores, sen alternativas para a mellora do sistema educativo. Demandamos por tanto unha rateo razoable e xusta de 15 alumnos/as en educación infantil e primaria, 20 en secundaria e 25 no resto das etapas.