Sectores

SPIF e as nóminas do persoal funcionarizado. Sen trienios por segunda vez: xestión irresponsable.

A Consellería do Medio Rural comunicou hoxe, por correo electrónico ás Organizacións Sindicais, o seguinte:

Por problemas que xurdiron na tramitación administrativa , non se poden aboar na nómina do mes de xullo os trienios ao persoal laboral do servizo de incendios funcionarizado no mes de xuño.

Porén, unha vez solucionados os problemas detectados, informámoslles que o pagamento dos trienios dende a data de funcionarización farase efectivo na nómina do mes de agosto.

Dende a Conselleria de Medio Rural pregamos transmitan as nosas desculpas a todas as persoas afectadas.

UGT lamenta unha vez máis, e xa van dúas, que as persoas responsables da xestión de nóminas, non realizasen as tarefas oportunas para que o persoal poda recibir en tempo e forma as contías dos trienios que lles corresponden. Polo tanto é evidente que alguén non realizou coa dilixencia debida o seu traballo, isto implica que as compañeiras e compañeiros funcionarizados non van a ter na nómina do mes de xullo as cantidades correspondentes, coas implicacións persoais que para cada un se derivan.

Todos cometemos erros no noso traballo pero cando o erro se repite, ten difícil xustificación. É evidente que alguén errou e non foron as persoas traballadoras do Servizo nin os que avisaron de que existía un problema e había que poñerlle solución. Cada quen debe asumir a súa responsabilidade e está claro que hai alguén que non está facendo ben o seu traballo.  

Entendemos que se pidan desculpas, é asunto persoal e individual admitilas ou non, o que non pode nin debe permitir a Consellería é este tipo de erros, o prexuízo para as persoas está causado e non unha se non que dúas veces. UGT esixe dilixencia e responsabilidade.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.