Sectores

Mesa Xeral e Sectorial de Persoal Funcionario (30/06/2023)

MESA SECTORIAL:

Analizáronse as RPTs da ATRIGA, Política Social e Xuventude e de Augas de Galicia.

Non houbo maior debate, en atención a que son cuestións puntuais e que non xeran controversia. A representación da ATRIGA recibiu eloxios polas formas na negociación, pola información facilitada que deberan ser exemplo para algunhas Consellerías. A de Política Social e Xuventude supón a conversión de 4 prazas que pasan a xornada completa, e a de Augas de Galicia ven a remendar un erro da última aprobada, en tanto que quedaban 2 prazas de seccións no nivel 22 que agora pasan a 25 igual que o resto.

Resolucións de convocatoria de procesos selectivos:

O Director Xeral expuxo as modificacións introducidas que esperamos a que sexan remitidas para poder ser analizadas para poder emitir opinión. Polo informado verbalmente podemos dicir que si se tiveron en conta algunha das cuestións que nos presentamos ao respecto do temario de A1 escala de sistemas e tecnoloxía da información.

  • Procesos de A1 e A2 de orientación, A2 de inspección turística e C1 condución:

UGT manifestamos en mesa previa e reiteramos na Sectorial que en tanto non varíen o sistema de acceso, pasando de oposición a concurso-oposición, NON PRESENTAREMOS ALEGACIÓNS ÁS BASES.

UGT non está de acordo, nin apoiará, a convocatoria polo sistema de oposición.

  • Ao respecto das bases dos procesos selectivos de persoal orientador (A1 e A2), de condución (C1), consideramos que

A Disposición adicional primeira do Decreto 217/2022, do 22 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sobre a Acumulación de prazas correspondentes á oferta de emprego público dos anos anteriores, determina a acumulación nun único proceso das prazas ofertadas en opes correspondentes a 2018, 2019 e 2020.

Pois ben, sobre os procesos de laborais, que agora se ofertan en escala como consecuencia da homologación producida polo Anexo do Decreto 165, consideramos que debe manterse a súa oferta polo sistema de concurso-oposición, en tanto que existe un número importante de efectivos que non terán posibilidade de acceso a través dos procesos deseñados de conformidade coa Lei 20/2021. Efectivos temporais que tiñan aberta a expectativa de acceso que abría a OPE de 2019 e que agora se ve negada co sistema de selección que deseñan estas bases.

A maiores e como é público e notorio na reseña de asuntos tratados no Consello da Xunta de Galicia do 22 de decembro de 2022, podemos leer:

Prazas de acceso libre: ….A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos exixidos nas correspondentes convocatorias; as probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e respectando a libre concorrencia.”

En idénticos termos se manifesta a nota de prensa que aínda está visible na hemeroteca de noticias, do día 27 de decembro, día que se publica en DOG a Oferta de Emprego Público do ano 2022.

Comprendendo que a nota de prensa non é norma, nin é o lugar axeitado para comunicar como se desenvolverá un proceso selectivo, si podemos entender que o asunto foi tratado no Consello da Xunta do 22 de decembro, senón non tería sentido que se comunicase tal asunto.

Cabe tamén preguntarse si os procesos pendentes das opes 18, 19 e 20 serán ofertados polo sistema de oposición.

Polo tanto e mentres non mude o sistema selectivo de acceso UGT non vai a presentar alegacións ás presentes bases e estudaremos cos nosos servizos xurídicos a posibilidade de presentar accións legais en contra do que consideramos non procedente.

Sobre a escala de persoal orientador, UGT advertiu cando se aprobou a OEP que os postos deberían ser ofertados mediante o sistema de concurso-oposición. Son moitas as persoas que teñen pasado polos distintos programas que a Consellería competente por razón de materia, implementou a través dos distintos programas con financiación europea e estatal, desde o ano 2020.

O importante número de efectivos con experiencia acreditada non van a ter a posibilidade de facer valer a mesma mediante o sistema elixido para o desenvolvemento da convocatoria. A formación recibida polas persoas que ocuparon e ocupan eses postos tampouco poderá ter sida en conta.

Logo de que fose un empeño de UGT a creación da escala, a súa implementación a través dunha OPE para converter os postos conxunturais, ligados a programas, en estruturais, agora a Administración entende que debe se unha convocatoria sen fase de méritos, consideramos que se está a facer un flaco favor a si mesma.

Ao respecto da oferta de prazas de A2 de Turismo, UGT entende non procede a súa oferta mediante o sistema de oposición, porque así o mandata a norma legal que regula a escala, por certo escala declarada a extinguir e que debería ter sido integrada, mediante procesos de promoción interna, no subgrupo A1.

MESA XERAL: RPT DE AGADIC

Ao respecto da AGADIC mostramos a nosa conformidade (reclamada pola nosa Organización nas alegacións previas) sobre os seguintes temas: retirada do traslado do posto de auxiliar de son con código CU A19.40.901…8, retirada da proposta de modificación dos postos de Tremoreiros/as ao entender que a proposta inicial era absolutamente discrecional, requirimento da titulación de Técnico/a Superior en Produción de Audiovisuais e Espectáculos para a praza de nova creación no departamento de Produción Teatral con código ED.A11.00.005…2. Expresamos as nosas reservas polo traslado de Mestre Gaiteiro/a con código CU.A19.40…3: aínda que podemos entender a necesidade da Axencia, non e menos certo que calquera traslado é un proceso regrado, trámite que, ao noso entender se obvia nesta proposta.

ROGOS E PREGUNTAS

O Director Xeral informa das seguintes cuestións:

  • Previsión de publicacións:
    • Listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas do subgrupo C1 dos procesos da Lei 20/2021, o mércores próximo.
    • Resolución para elección de destino de persoal Educador Social, entre o vindeiro día 10 ou 11.
  • Acordo FISP: esta semana está prevista unha reunión entre Saúde Pública e Función Pública, para analizar as alegacións feitas polas OOSS na última reunión.
  • Comisión de Persoal: para o martes cos temas das Mesas do venres (procesos selectivos e RPTs)

Preguntas respondidas:

  • Problemática dos chamamentos das brigadas helitransportadas e a esixencia da superación da proba física que ten como consecuencia de non superarla a perda do posto desde o que se opta: a resposta foi que é un tema que debe ser tratado e acordado na Comisión de Listas.
  • Adscricións como laborais en postos de funcionarios no SPIF: vanse a permitir pola necesidade que existe de cobertura de postos en época de máximo risco.
  • Cronograma de procesos da Lei 20: facilitarán un cronograma, neste momento están traballando nos procesos de concurso de méritos.
  • Excedencias nas tomas de posesión provisionais do persoal declarado indefinido non fixo: non se van autorizar.

Pregunta non respondida:

  • Persoal da Inspección de Servizos Sociais: en ausencia de representación da Consellería de Política Social e Xuventude, que puidese responder, preguntamos ao respecto de si a Administración é coñecedora do malestar do persoal de Inspección, polas consecuencias que está a ter a aplicación do Plan de Inspección de Servizos Sociais, de marzo deste ano. As modificacións introducidas están a ser nefastas para o desenvolvemento das funcións do persoal. Comunicamos que remitiremos á SXT e á DX da Función Pública escrito facendo constancia da problemática e instando á busca de solucións, que permitan o correcto desenvolvemento das funcións encomendadas.
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.