Neste 1º de Maio CCOO e UGT, poñemos de relevo as conquistas sociais e laborais que a través do diálogo social temos conseguido. Conquistas que supoñen gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras e manifestamos o noso compromiso para seguir traballando para lograr máis e mellores dereitos.
Queremos manifestar, tamén, a nosa solidariedade internacional e o noso compromiso coa paz. Por iso, denunciamos a persistencia do conflito bélico orixinado pola invasión ilexítima de Rusia sobre Ucraína en febreiro de 2022. Esta agresión, que os sindicatos rexeitamos categoricamente, significa, en primeiro lugar, un terrible drama humano. Supón, tamén, unha nova fonte de tensións xeopolíticas a escala global, que incidiu dunha maneira decisiva no incremento dos prezos como consecuencia das subidas da subministración enerxética, os alimentos e as materias primas no ámbito da Unión Europea. A alza de tipos de interese polo Banco Central Europeo, o enfraquecemento da demanda, a desestabilización da cadea global de subministracións ou subida dos prezos da vivenda e o alugueiro contribúen a proxectar unha incerteza sobre o comportamento da actividade económica e a renda dispoñible de millóns de fogares en España.
O EXCESO DE BENEFICIOS EMPRESARIAIS, CAUSA DO AUMENTO DA INFLACIÓN
Pero a crise da inflación non só estivo propiciada polos efectos exteriores. Nunha parte moi importante a subida dos prezos vén determinada polo exceso de beneficios empresariais. As empresas repercutiron o custo das subidas dos produtos enerxéticos no prezo final dos bens e servizos, especialmente nos produtos alimenticios e de primeira necesidade, para manter as súas marxes de beneficios, xerando que os efectos desta crise estean a recaer sobre as maiorías sociais, as traballadoras e os traballadores, e afectando de forma grave aos segmentos máis vulnerables da poboación.
AS PERSOAS NO CENTRO DAS POLÍTICAS PÚBLICAS
A resposta pública para facer fronte á subida dos prezos foi importante, pero aínda así, está a mostrar importantes limitacións para facer fronte á deterioración das rendas reais de millóns de persoas e, por tanto, é necesario avaliar as medidas implementadas e os efectos reais das mesmas, para reforzalas e dotalas de eficacia, pois non sempre tiveron as consecuencias desexadas. Como exemplo, as baixadas do IVE e o seu efecto case nulo sobre a contención de prezos, ou as dificultades para que as políticas de protección social máis recentes cheguen de maneira eficiente a quen máis o necesitan.
A SUBIDA DAS PENSIÓNS, O SMI E AS PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO
Os acordos alcanzados entre o Goberno e os sindicatos UGT e CCOO sobre pensións e salario mínimo supoñen a protección das rendas de aproximadamente 13 millóns de persoas (preto de 900.00 persoas en Galicia). Mantívose o poder adquisitivo de máis de 10 millóns de persoas pensionistas (770.000 en Galicia) cun incremento do 8,5%, unida á subida do 8% do SMI para este ano, que acumula xa unha subida do 47% durante a lexislatura, e mellorará a vida de ao redor de 2 millóns de persoas traballadoras (máis de 100.000 nesta Comunidade). Situar o Salario Mínimo Interprofesional en 15.120 euros anuais supón instalalo na senda da Carta Social Europea, é dicir, no 60% do salario medio do país. Igualmente, incrementáronse as prestacións por desemprego tanto contributivas como asistenciais. Este conxunto de medidas contribuíu de forma decidida a loitar contra a pobreza e a desigualdade social e reduciu a brecha salarial de xénero.
DESENVOLVER E FORTALECER A NEGOCIACIÓN COLECTIVA E O V AENC
Polo momento, a inflación, aínda que se modere, vai seguir sendo alta. A subxacente ou estrutural prevese que sexa superior á xeral, o que denota a importancia decisiva que está a ter a imputación de custos por parte das empresas aos prezos ao consumo. Por tanto, para os sindicatos, a aposta polos incrementos salariais é a reivindicación central na negociación colectiva. Necesitamos salarios decentes que crezan en parámetros equivalentes á inflación, garantindo o poder de compra. Para iso, a cláusula de garantía salarial é imprescindible.
Son miles os convenios que hai que negociar en 2023 e imos tratar de facelo baixo o paraugas do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva (AENC). Un acordo no ámbito bipartito que debe de servir, non só para orientar os incrementos salariais, senón tamén para desenvolver os contidos da reforma laboral do 2021 e abordar os impactos e os retos que supoñen as transicións e tomar medidas que garantan un desenvolvemento xusto das mesmas, previr os impactos no emprego e apostar por un novo modelo económico máis sostible.
CCOO e UGT imos negociar co obxectivo de conseguir o acordo, pero á vez lanzamos a negociación dos convenios colectivos, coa implicación directa das persoas afectadas e coa necesaria combinación do binomio negociación – mobilización. A negociación non se pode demorar sine die. A actitude dilatoria da CEOE non é tolerable. Se non se alcanza un acordo, estarase a enterrar unha ferramenta que foi moi útil para desenvolver os procesos de negociación colectiva nun país como España, con múltiples unidades negociais. O cortoplacismo e a avaricia patronal poden finiquitar un instrumento singular no noso país e con poucas referencias similares no contexto europeo.
SALARIO OU CONFLITO
A campaña Salario ou conflito desenvolvida durante 2022 deu bos resultados e debe de seguir adiante. Naqueles sectores onde hai organización sindical, cultura da negociación, vínculo da clase traballadora ao convenio e foméntase a participación directa das traballadoras e os traballadores nos procesos de negociación e, chegado o caso, de mobilización, os convenios colectivos foron mellores. Mantiveron o poder adquisitivo e sentaron as bases para seguir avanzando na mellora das condicións laborais, revitalizando á súa vez o papel da negociación colectiva. Temos un reto por diante e imos a por el. Se a clase empresarial non se senta nas mesas de negociación con propostas realistas, que recuperen o poder de compra dos salarios, incrementarase o conflito e serán os únicos responsables.
O EMPREGO, OBXECTIVO SINDICAL
A reforma laboral acordada a finais de 2021 está a contribuír de maneira palpable á mellora dos dereitos das persoas traballadoras. Dunha forma relevante en materia de emprego, tanto na súa creación -superando os 20 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social (preto de 1.050.000 en Galicia)- como na súa calidade, poñendo freo á histórica temporalidade abusiva que viña sendo o aceno de identidade do noso mercado de traballo. En só un ano a temporalidade reduciuse un 7’5% (7,7 puntos en Galicia) (segundo datos da EPA pasaron do 25,4 (24,3 en Galicia) ao 17,9% (16,65 nesta Comunidade), a contratación indefinida pasou dunha media mensual en torno ao 10 % (9,5% en Galicia) a situarse en torno ao 46,8% (38% na nosa Comunidade). Mellórase o emprego das persoas máis afectadas pola precariedade, como son os mozos e as mulleres. A reforma laboral está a dar os seus froitos e hai que seguir traballando nesta liña. Para iso, é necesario aumentar de forma importante os cadros de persoal da Inspección de traballo para situala enniveis europeos; igualmente, é preciso reforzar os servizos públicos de emprego e as políticas activas para facer fronte ao problema do paro que, aínda que se reduciu nos últimos anos, seguimos tendo case tres millóns de persoas que non atopan un emprego (142.000 en Galicia) e ese segue sendo o principal problema do país.
CONSTRUÍMOS UN FUTURO CON PENSIÓNS GARANTIDAS
Os acordos de reforma da Seguridade Social veñen garantir a revalorización das pensións en base á inflación media, derrogando a reforma do PP que, de facto, limitaba os incrementos das pensións ao 0.25%. De manterse, sería letal en 2022 e 2023 polas altas taxas de inflación. Pero as reformas pactadas tamén garanten o futuro das pensións a través da achega de ingresos que reforzan a súa suficiencia e sustentabilidade. Abordamos o dobre reto da evolución demográfica e a incorporación á xubilación da xeración do baby boom. E facémolo outorgando máis protección e xerando máis certezas ás persoas pensionistas, actuais e futuras. Sen perder nada do carácter contributivo do sistema, reforzamos a súa vertente redistributiva, reducindo a brecha de xénero e reforzando legalmente o papel do Estado como garante financeiro do sistema. Estes acordos, xunto coa reforma laboral, supoñen recuperar e mellorar os dereitos que os gobernos conservadores coas súas políticas de austeridade eliminaron, tanto para as persoas activas como para quen é pensionistas.
O CUSTO DO DESPEDIMENTO EN ESPAÑA
A firma por parte de España en 2021 da Carta Social Europea, que é de obrigado cumprimento, obriga a protexer o emprego. No noso país aínda é demasiado fácil e barato despedir. Temos que avanzar cara un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e adecuado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das persoas vítimas de decisións inxustas, de acordo con a doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais.
ANTE O NOVO CICLO ELECTORAL. NON É O MESMO QUEN GOBERNE
Estamos nun ano electoral, con eleccións municipais e autonómicas en maio e xerais a partir de novembro. Finaliza o período do primeiro Goberno de coalición progresista da nosa historia recente, cuns resultados moi positivos en materia laboral e social. Fortaleceuse o diálogo e a concertación social como forma de afrontar os cambios que se producen no mercado de traballo e, con iso, as relacións laborais e as políticas sociais. Seis acordos en defensa do emprego para facer fronte á situación inédita que orixinou a COVID-19, as subidas do
SMI, laboralización dos riders, a Lei do teletraballo, a nova regulación das relacións laborais para quen presta servizos no ámbito do fogar familiar, co recoñecemento do dereito ás prestacións por desemprego; o desenvolvemento regulamentario dos plans de igualdade entre mulleres e homes e o rexistro salarial nas empresas, medidas necesarias para acabar coas desigualdades no mercado de traballo e coa brecha salarial; resaltando as dúas grandes reformas: a reforma laboral e a reforma da Seguridade Social e as medidas sociais e económicas tomadas para afrontar as crises vividas. Seguir construíndo nesa dirección depende moito do resultado destes procesos electorais. As persoas traballadoras xogámonos seguir avanzando na mellora da calidade de vida e dos nosos dereitos laborais e sociais, ou poñer en risco todo o conseguido ata o de agora. Desde CCOO e UGT apostamos por seguir fortalecendo as políticas sociais, os servizos públicos, a mellora da sanidade e o ensino público; polo dereito a unha vivenda digna, cumprindo co mandato constitucional; polas políticas de coidados e de dependencia como un dereito de cidadanía; polo emprego de calidade e pola igualdade efectiva entre mulleres e homes; para seguir avanzando nos dereitos de todos os colectivos, LGTBI, persoas migrantes ou con discapacidade, por vivir a diversidade e a pluralidade sen ningunha discriminación nin social nin laboral; pola solidariedade e a loita contra a desigualdade e a pobreza. Instamos á cidadanía a participar masivamente nos procesos electorais e a apoiar as propostas de progreso, que aposten pola profundización democrática, o reforzo dos servizos públicos, a fiscalidade suficiente e progresiva, a igualdade como condición de exercicio da liberdade, os salarios dignos e o emprego de calidade. O risco reaccionario está máis presente na sociedade española que nunca desde a transición á democracia e o noso país non pode retroceder.
Temos que continuar avanzando en dereitos, liberdades e dignidade para que as maiorías sociais vivamos mellor.