Sectores

Resumo da Mesa Sectorial: proxecto de addenda do acordo do persoal interino


Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe debatimos a proposta previa presentada pola Consellería como PROXECTO de ADDENDA ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, adaptado a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

En exposición previa sobre a interpretación da Lei 20/2021,  a Consellería aclara que consideran que a limitación de 3 anos se estenderá en calquera caso sobre a cobertura das prazas e non sobre as persoas interinas. Nunha próxima reunión con outras CCAA espérase consensuar esta interpretación. A intención da Consellería polo tanto sería manter o status quo vixente sen establecer limitacións na próxima Orde de CADP. 

Para conseguir este obxectivo no marco da Lei 20/2021, a Consellería pretende manter unha baixa porcentaxe de interinidade e de prazas que puideran considerarse estructurais. Tamén intentará avanzar na redución de prazas provisionais que se ofertan no CADP aumentando as vacantes no CXT. Ademais convocaranse dilixentemente os concursos oposicións oportunos.

En canto ó articulado que propoñía a Consellería analizamos os cambios que se prevían en cada apartado e aqueles que consideramos de recibo que se melloren:

Primeiro.  En relación á oferta de emprego público

Propoñen a seguinte modificación “A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece como obxectivo que o número de interinos dos corpos docentes que impartan as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, sexa inferior ao 5% das prazas estruturais.”

UGT indica que se debería respetar a redacción anterior e establecer unha marxe de arredor do 5% dos cadros de persoal sen distinguir entre prazas estruturais ou non. A administración comprométese a revisar a redacción deste punto. 

Sexto.  En relación á toma de posesión en situacións derivadas da conciliación

O dereito de toma de posesión das persoas que se encontren disfrutando dun permiso por maternidade ou paternidade debería extenderse ás mulleres que se atopen de baixa por situacións derivadas de embarazo.  A administración comprométese a estudar este punto.

Décimo.  En relación ás convocatorias de listas de interinidades e substitucións

Propoñen a seguinte modificación “Se unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo de comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial e as organizacións asinantes deste acordo, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose como baremo a nota media da titulación esixida para cada especialidade para a incorporación ás listas de interinidades e substitucións”

Según a Consellería, a necesidade de sistemas áxiles de momeamento de interinos para facilitar a cobertura inmediata que estipula a Lei 20/2021 xustificaría a utilización exclusiva da nota media da titulación para ordear a novos substitutos. Entendemos que a Consellería debe poñer os medios materiais precisos para xerar axilidade sen perxudicar a correcta formación das listas. 

Así, UGT pide na Mesa que a modificación inclúa ademais da nota media os mesmos méritos de formación que se veñen recollendo nas diferentes convocatorias de oposicións ós efectos de calcular de forma máis xusta o percurso formativo dos interesados. 

A Consellería mantén que non acepta a proposta por non contar con recursos que permitan baremar como se lle solicita e con celeridade.

Décimo terceiro.  En relación ás prazas de aceptación voluntaria 

Malia a que a Consellería non propón modificacións neste apartado, UGT defende a necesidade de melloralo extendendo a voluntariedade á aceptación de prazas de atención domiciliaria e centros de menores. Dada a especifidade destas prazas, entendemos que a obriga na aceptación pode resultar nunha merma da calidade educativa. A administración acepta a inclusión destes tipos de prazas.

Décimo cuarto. En relación ás renuncias

Antes de entrar nos pormenores das modificacións que propón a Administración, UGT defende a necesidade de incluír unha nova modalidade de renuncia a chamamentos sen necesidade de aportar  xustificación cunha limitación temporal por un número de anos que se podería debatir. Entendemos que se mantén a posibilidade de ter listas áxiles e efectivas mentres se concilian os intereses do profesorado que, por outra banda, non ten garantida unha praza por parte da Administración.

A Consellería non acepta esta proposta malia a que suporía un claro avance nos dereitos do persoal interino.

No borrador de Addenda que a Consellería nos fixo chegar propoñían entre outras modificacións a extinción da causa de ampliación de estudos para poder permanecer nas listas sen ser chamado. 

UGT, deixa constancia das múltiples queixas da afiliación recibidas sobre este punto, insiste en transmitirlle na Mesa á Administración que esta modificación é de todo inaceptable. Para este sindicato suporía cruzar unha liña vermella que non estamos dispostos a pasar. Non podemos permitir que a Consellería presuma dun ensino de calidade mentres se nega a que os docentes que forman parte das listas de substitucións poidan progresar na súa formación.

A Consellería aprecia que hai un uso masivo de matriculacións en ciclos de FP e que se propicia incluso matrícula en determinados ciclos formativos que logo non teñen seguimento presencial. Avénse a seguir aceptando a formación en estudos ós estudos universitarios e por un máximo de tres anos. Ante a insistencia de UGT e as outras OSSS asinantes, o máximo ampliarase a cinco anos sempre que nos tres primeiros anos se alcanzase cando menos o 37,5% dos créditos.

Outro motivo de conflicto nos cambios que se propoñían neste apartado e que na causa de atención ó coidado de fillos menores non se adaptaban as idades ós novos marxes que manexan para outras situacións. No momento actual de loita polos dereitos de igualdade que a miúdo van vinculados á conciliación familiar, UGT esixe que se respeten as mesmas idades que xa están recollidas nos Tipos II e III da Orde da Comisión de Conciliación Familiar tomando ademais como data de referencia para o cómputo o 31 de agosto do curso en vigor.

A administración acepta esta proposta.

Coincidimos, sen embargo, coa modificación que a Consellería propón no apartado 2 con respecto a ampliar as situacións laborais que permiten a permanencia en listas sen obriga a aceptar chamamentos. Agradecemos que se fixeran eco desta antiga reivindicación que lles fixemos chegar en varias Mesas Sectoriais pero entendemos necesario que se siga extendendo a traballadores por conta propia. A maiores, a inminencia deste cambio debería terse en conta durante todo o presente curso para evitar situacións de desigualdade entre persoal que queira facer efectivo o seu contrato antes ou despois da publicación da nova norma. 

A administración estudará o traballo por conta propia como causa aceptable especificando unha duración mínima para evitar as altas de autónomo ad hoc.

Décimo sexto. En relación á consolidación

Entendemos que todas as persoas interinas que sexan chamadas por primeira vez deberían consolidar o seu posto independentemente de que sexa chamada a seguinte persoa da lista ou non. 

A administración négase a subscribir este punto.

Décimo oitavo. En relación ós dereitos retributivos

En canto ós dereitos retributivos do profesorado substituto UGT entende que se ten que facer efectivo o cobro do verán toda vez que o estado de crise que motivou a suspensión deste dereito foi superado. 

Vixésimo primeiro. En relación ós chamamentos

A Consellería pretende modificar neste apartado a concreción da obriga do persoal substituto de manter ó día os seus datos persoais co fin de estar localizables. UGT non se opón a esta petición pero facemos saber que parece de recibo incluir a obriga tamén por parte da Administración de facer chamentos diarios e non bisemanais como ven sendo a práctica habitual.

A administración considera que a forma actual de facer os chamamentos é máis áxil que noutras CCAA que teñen sistema de chamamentos online.

Disposición adicional sexta. 

Proponse regularizar o mantemento da persoa substituta para extender as coberturas que se ven interrompidas en periodos vacacionais sempre que haxa petición da dirección do centro e conformidade da persoa substituta.

UGT indica que se deberían incluir outros periodos non lectivos como o antroido e oponse a que sexa necesaria a proposta da dirección do centro. 

A administración acepta esta proposta.

 

No apartado de VARIOS demos conta das reivindicacións que nos fixestes chegar:

Con respecto ó recentemente anunciado complemento do PTFP queremos que se extenda a todo o colectivo de xeito retroactivo. A administración comprométese a traer esta cuestión ás próximas Mesas. Os plans son que sexan con efectos do 1  de setembro de 2023.

Mañán publicarase a resolución do persoal que se integra. Existen 1008 peticións de integración aprobadas. Pagaranse os atrasos do persoal xubilado que estaba en activo e que formulou petición.

Demandamos información sobre a tramitación dos partes de baixa e como vai afectar ós diferentes tipos de docentes en activo dende o próximo 1 de abril. A administración está a analizar a situación.

Existen tribunais de oposicións que aínda non cobraron. A administración afirma que a día de hoxe están as ordes de pago enviadas.

Para acceder ó contido completo preme no noso Informa-t

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.