Os números 2 e 3 do artigo 10. Sesións de avaliación, quedan redactados como segue:
«2. A sesión de avaliación final ordinaria do alumnado do primeiro curso do bacharelato e a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do día 5 de xuño de 2023.
3. As sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, a sesión de avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria, as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional deberán realizarse a partir do día 22 de xuño de 2023. A sesión da terceira avaliación parcial da educación secundaria obrigatoria deberá coincidir coa sesión de avaliación final».
O número 1 do artigo 12. Horario do profesorado, queda redactado como segue:
«1. As direccións dos centros quedan autorizadas para introduciren as modificacións oportunas nos horarios do profesorado do segundo curso de bacharelato e de formación profesional que se vexa afectado pola realización do módulo de Formación en Centros de Traballo nas horas en que deixe de impartir as materias ou módulos da súa competencia a partir da sesión de avaliación que corresponda, así como nos horarios do profesorado do primeiro curso de bacharelato a partir do día 5 de xuño de 2023, asignando tarefas da súa responsabilidade, dando prioridade á realización de actividades de apoio, de reforzo e de recuperación para o alumnado con materias, ámbitos ou módulos con partes sen superar e, de ser o caso, de preparación da ABAU e das probas extraordinarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento e ata a finalización das actividades lectivas o horario que lle corresponde conforme a normativa vixente».