A Axuda a Domicilio é un sector feminizado que carece dos suficientes recursos e medios económicos para ter un emprego de calidade. A precariedade laboral está cronificada neste sector e tanto empresas como Administracións Públicas, miran para outro lado cando desde UGT SERVIZOS PUBLICOS lembrámoslles que teñen que cumprir co seu “compromiso social” mellorando a situación laboral que seguen sufrindo as traballadoras.
Contratos en precario con constantes modificacións, predominancia das xornadas a tempo parcial (con constantes incumprimentos de convenio ao non respectar os mínimos establecidos), xornadas partidas que obrigan ás traballadoras a estar todo o día pendentes da empresa, altas cargas de traballo, poucos recursos, elevados riscos psicosociais e de lesións musculoesqueléticas, utilización de vehículo propio que é compensado con cantidades que se fixaron con referencia aos prezos da gasolina do ano 2010 que agora no 2022 son un 61% máis caros, son algunhas das precarias condicións que sofren as traballadoras no sector.
Esta situación vese agravada por unha banda pola negativa das patronais do sector para sentar a negociar un convenio desde o fin da vixencia do actual, decembro do ano 2011, e por outra, polo incumprimento das patronais de ámbito estatal ao negarse a activar a cláusula de ultravixencia do II convenio que obriga a actualizar as retribucións do ano 2022 co IPC do 2021, 6,5% (isto non supuxo ningún problema para as patronais nos anos en que o IPC foi negativo).
Para o sindicato é prioritaria a recuperación do poder adquisitivo no sector da Dependencia así como a mellora das súas condicións laborais: redución da xornada laboral, aumento de persoal, reforzar a saúde laboral, contratos dignos, profesionalización do sector, compensación adecuada pola utilización de medios propios para os desprazamentos, permisos retribuídos…etc.
Por todo iso, O Comité nacional de UGT Galicia apoia todas as reivindicacións e accións da federación de servizos públicos e das delegadas e afiliadas en defensa dun CONVENIO QUE DIGNIFIQUE E POÑA EN VALOR O TRABALLO da axuda no fogar, e aplicación inmediata da revisión salarial do 6,5%, por se de xustiza e por responsabilidade social.
II COMITÉ NACIONAL DE UGT GALICIA 28 de outubro de 2022