De conformidade co establecido na norma 9.2 dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2021, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 21 de abril de 2022 e publicados mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 25 de abril de 2022 (DOG núm. 82, do 29 de abril), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes ou dos/das causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Dando cumprimento ao prescrito, a dirección xeral resolve:
Primeiro. Facer públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2021 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS
Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.
Segundo. Contra a resolución provisional dos expedientes os/as interesados/as poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, no prazo de dez días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As reclamacións e achegas de documentos deberán dirixirse ao director xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, no Edificio Administrativo San Caetano, nº 1, 2º andar, 15770 Santiago de Compostela.