Sectores

Xuntanzas coa Consellería do Medio Rural. “Modificación da RPT e Acordo condicións específicas apoio Oficinas Agrarias Comarcais”


O martes, 21 de xuño de 2022, celebrouse unha nova reunión cos representantes da SXT da Consellería do Medio Rural, despois das mantidas no mes de maio, para abordar a súa proposta de modificación da RPT e a negociación dun acordo sobre as condicións de traballo de determinados postos de apoio ás diferentes oficinas agrarias comarcais e dar servizo a Oficina Agraria Móbil.

A CMR propón unha modificación da súa RPT para:

  • Crear unha Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).
  • Dotar de persoal de apoio ás Oficinas Agrarias Comarcais (OACs).
  • Adaptar á súa estrutura orgánica de acordo á normativa vixente.
  • Crear diversos postos adscritos á unidade de Inspección da Cadea Alimentaria.
  • Dar resposta a novas necesidades estruturais e organizativas.

 

A CMR propón un acordo específico das condicións de traballo para os distintos postos de nova creación, incluídos nos equipos provinciais, para prestar apoio nas OACs e na OAM.

DENDE UGT, de acordo ás alegacións presentadas ao respecto da proposta modificación da RPT, INDICAMOS O SEGUINTE:

  • Rexeitamos a amortización xeral de 75 prazas, como argumento de base para a creación de 55 novas prazas. En particular, rexeitamos a amortización de 17 prazas, que serven de xustificación para a creación das 15 prazas da UIFO. Ademais, solicitamos a revisión das mesmas, a efectos da súa posible afección por estar ofertadas e adxudicadas no concurso xeral de traslados e/ou pola súa vinculación á Lei 20/2021, de redución da temporalidade no sector público.
  • Valoramos positivamente a regulación formal dunha unidade de investigación (UIFO), que xa está funcionando de facto dende hai tempo, así como, a súa dependencia funcional e xerárquica do Director Xeral de Defensa do Monte. Non obstante, entendemos que o nº efectivos creado é insuficiente para afrontar estes cometidos con éxito, e tampouco compartimos que a súa creación sexa a costa da desvalorización do traballo nos distritos forestais.
  • Solicitamos, especificamente, que non se proceda á amortización de prazas de axente territorial (nivel 20), recorrendo, en caso de necesidade, á amortización doutras de nivel 18, por entender que as primeiras son máis necesarias para artellar axeitadamente o traballo nos distintos distritos forestais. Valoramos positivamente a recepción da nosa proposta por parte da CMR, non só polo feito de acceder a nosa proposta, senón por recorrer á utilización de prazas de menor nivel, vacantes puras e sen ocupación.
  • Rexeitamos a amortización de 26 prazas que serven de xustificación para a creación das 16 prazas das OACs. Solicitamos a realización dunha análise pormenorizada previa ao establecemento dunha remodelación das prazas nas Oficinas Agrarias Comarcais (OACs). Xa que, a determinación da carga de traballo e a dispoñibilidade de recursos para facer fronte á mesma, deberían ser a base sobre a que artellar unha proposta de modificación do caótico funcionamento actual. En relación a esta solicitude, valoramos positivamente o documento achegado pola CMR nesta reunión, de estudio inicial sobre a actual situación nas OACs, como base de traballo sobre a que artellar propostas de remodelación de contidos e perfís profesionais en cada unha das oficinas, de cara a avanzar, nunha futura remodelación total da RPT.
  • Solicitamos, especificamente, que non se amorticen as seguintes prazas, pertencentes ao SPDCIF (MRC995007227180032, MRC995008227160032, MRC995019236001030), que teñen carácter estrutural e son necesarias para ofertar nos procesos selectivos convocados e pendentes de resolver: Valoramos positivamente que esta alegación fora admitida pola CMR.
  • Valoramos positivamente a creación da unidade de Inspección da Cadea Alimentaria. Creación dun Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria, dependente da Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias. Creación de 6 prazas: 5 Xefaturas de Sección (25) e 1 Xefatura de Negociado (18). Creación das prazas con cargo aos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.
  • Valoramos negativamente as modificacións reorganizativas de distintos postos de traballo que supoñen a amortización de prazas, en particular, na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, onde 4 das 5 amortizacións propostas, son prazas non vacantes e unha delas está ocupada. Aínda que, unha vez máis, indícase que pasarán a vacantes non ocupadas en virtude das vindeiras tomas de posesión do concurso de traslados (Resolución do 25 de novembro de 2019).
  • A aprobación do novo Decreto de estrutura orgánica supón unha modificación no posto da Xefatura de Sección II do Servizo de Xestión Económica e de Xestión Administrativa. Non obstante, solicitamos que non se proceda ao despido da interina que ocupa o posto dende o 27/09/2019, buscando algunha alternativa que permita a súa continuidade, aplicando o cambio ao corpo xeral no momento da finalización do proceso regrado de cobertura do posto.
  • Solicitamos, unha vez se dispoña de datos concretos, información sobre o funcionamento da unidade agraria móbil. Posto que, a súa utilidade ou non, determinará o establecemento da xestión directa da mesma por parte da Xunta de Galicia, coa posta en marcha, de ser o caso, dunha unidade por provincia, e coa creación dos correspondentes postos de condutor das citadas unidades móbiles.

 

  • En relación á creación dun posto de condutor-mecánico no Distrito Forestal XII, solicitamos que o posto sexa creado de funcionario, e non de laboral para a súa posterior funcionarización.

 

DENDE UGT, de acordo ás alegacións presentadas ao respecto do acordo das condicións de traballo do persoal de apoio nas OACs, INDICAMOS O SEGUINTE:

  • A Consellería do Medio Rural ten previsto crear tres novos postos de traballo dependentes de cada xefatura territorial: un posto de enxeñeiro/a agrónoma, un posto de veterinario/a e un posto de administrativo/a, en cada provincia. Parécenos unha oferta demasiado curta para a cobertura temporal de efectivos dunha provincia, polo que consideramos que deberían establecerse dous equipos (seis postos) en cada ámbito territorial provincial.

 

  • Os desprazamentos a unha Oficina Agraria Comarcal, sexan realizados por unha ou varias persoas empregadas, realizaranse de forma conxunta utilizando o vehículo provisto pola Xefatura Territorial. Entendemos que debería valorarse a posibilidade, en caso de que así o desexen e comuniquen, que as persoas traballadoras podan desprazarse dende o seu domicilio co seu vehículo particular. Nestes casos, solicitados e previamente autorizados, a persoa traballadora terá dereito ás axudas de custo e/ou dietas que proceda, de acordo á normativa vixente. Alegación aceptada.

 

  • A persoa traballadora comezará a súa xornada laboral na localidade na que está situada a sede da Xefatura Territorial á que pertence, recollendo o vehículo da Xefatura Territorial para desprazarse á Oficina Rural de destino. Solicitamos que se inclúa a posibilidade, en caso de que así o desexen e comuniquen, que as persoas traballadoras podan desprazarse dende o seu domicilio co seu vehículo particular. Nestes casos, computarase como xornada de traballo o tempo de traslado dende o lugar de saída ata o centro de traballo onde vaia a prestar o servizo. Alegación aceptada.

 

  • De forma excepcional poderá requirise á persoa traballadora que preste os seus servizos nun horario de tarde, fins de semana ou festivos, naqueles casos nos que sexa necesario que a Oficina Rural Móbil opere nos días indicados. Non compartimos que poida haber situacións sobrevidas para realizar xornadas en fin de semana. Solicitamos que en todos estes supostos figure a “necesaria xustificación” para a prestación dos servizos en horario distinto ao habitual. Alegación aceptada.

 

  • A proposta da CMR sobre as compensacións por tempo traballado son as seguintes: (Día laborable (tarde): factor 1,25; Sábados: factor 1,50, Domingos e festivos: factor 1,75). O descanso deberá producirse ao longo dos dous meses naturais seguintes ao mes no que se produza o exceso, debendo acumularse as horas en días completos (agás o tempo que exceda do número de días resultante). Solicitamos o incremento das compensacións aos seguintes parámetros (1,50; 1,75 e 2, respectivamente), así como, o incremento aos tres meses naturais seguintes ao mes no que se produza o exceso, para desfrutar do período de descanso. Alegacións aceptadas.

 

  • Finalmente, entendendo que se trata dunha proposta de carácter experimental, solicitamos o establecemento dun prazo temporal de revisión deste acordo, mediante o establecemento dunha comisión de seguimento, co fin de poder avaliar a implantación deste servizo. Determinando nese momento o establecemento, de ser o caso, dos complementos retributivos axeitados aos cometidos desenvoltos nos citados postos. Alegación aceptada.

 

 

UGT Informa-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.