Sectores

Resumo da Mesa Sectorial: modificacións no CADP, addenda do acordo de interinos, prazas sometidas a convenio


Na Mesa Sectorial de Educación de hoxe tratouse sobre  a  Orde pola que se modifica a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional que condicionará o próximo Concurso de Adscrición Provisional CADP

Os cambios máis significativos que se van aprobar inclúen:

  • Debido á modificación do calendario en canto á convocatoria extraordinario, a adxudicación de destinos provionais adiántase respecto a anos anteriores.  As restricións para facer substitucións nunha ou varias provincias (art.33) pasarán a solicitarse no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo do ano correspondente, ambos incluídos. 
  • As restricións ás que fai referencia o punto décimo cuarto do Acordo do 20 de xuño de 1995 para realizar substitucións en concellos determinados deberán efectuarse na páxina www.edu.xunta.gal/substitutos e a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica ou procedemento que para estes efectos se sinale pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo comprendido entre os días 15 de xuño ao 15 de xullo do ano correspondente. Será obrigatorio incluír na petición concellos en que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente. Esta opción será por todo o curso académico.
  • Por último, modifícase o segundo parágrafo do artigo 39.1 que afecta á solicitude de non participación na convocatoria. O persoal interino ou substituto se atopa nalgunha das situacións relacionadas no punto décimo cuarto do Acordo do 20 de xuño de 1995 deberá cubrir a solicitude no enderezo: https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ e presentar a súa solicitude de non participación obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o trámite activado para estes efectos no procedemento normalizado código ED002B.” 

Tamén analizamos  a Orde pola que se convoca concurso de méritos para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos.

  • UGT solicita información máis clara das funcións dos postos ofertados cun perfil más delimitado para poder facer o proxecto de acordo co perfil exposto. Demandamos unha maior coordinación entre as consellerías implicadas para que o solicitante teña unha mellor información. 
  • Con respecto ós participantes e requisitos establecidos no artigo 2, solicitamos dende UGT Servizos Públicos que os funcionarios en prácticas e o persoal interino poidan participar neste concurso de méritos. De feito, a administración xa respondera positivamente á opción de incluir ó persoal en prácticas, pero finalmente non variou a redacción da pasada convocatoria. Ademáis, os postos de escolarización a alumnado de atención preferente xa están abertos ó persoal en prácticas do corpo de mestres. Non entendemos que nos prazas sometidas a convenio se exclúa este colectivo. Neste senso, a administración comprométese a abrir a convocatoria ó funcionariado en prácticas.
  •  O proxecto de traballo (recollido no artigo 3) está sen especificar o tamaño de letra, formato, interlineado, o uso de ambas caras ou non … lembramos á Administración que de non ser así logo non se poderán botar atrás proxectos con esta premisa. Igualmente entendemos que deberían establecerse uns criterios mínimos orientativos. 
  •  En canto ó artigo 4, pedimos que o prazo de solicitude se aumente de 5 a 10 días pola obriga da presentación telemática e as dificultades engadidas que isto poida supoñer. Tamén neste artigo consideramos apropiado que que figure expresamente o prazo de reclamacións e renuncias de 3 días hábiles no canto de remitir ó articulado (6.4) porque esto fai a lectura menos accesible.
  •  Novamente incidimos na necesidade dunha comisión de selección máis técnica (artigo 5), de ser así podería eliminarse a subcomisión. Entendemos ademais que se debería baixar a puntuación relacionada co proxecto e a entrevista. 
  •  En caso de empate (6.3) solicitamos que se valore en primeiro lugar a formación relacionada co posto ó que se pretenda acceder e despois a antigüidade. Igualmente demandamos que se puntúe a fracción de ano neste último apartado. 
  •  Cremos que os convenios con entidades privadas non deberían existir, e de non ser así deberían ser moi limitados e xustificados. 
  • No baremo debería eliminarse a entrevista. Entendemos que se desvirtúa o concurso de méritos con esta actuación. De manter a entrevista, solicitamos que sexa obrigatoria para todos os que obteñan a puntuación mínima.  O curso pasado comunicóusenos por parte da Consellería que sería deste xeito pero seguimos sen velo reflexado na convocatoria deste curso.
  • No baremo debería tamén repartirse a puntuación máxima en 3’5 puntos para méritos académicos e outros 3’5 puntos para antigüidade. Igualmente tamén defendemos que debería darse máis peso á impartición de cursos que á recepción dos mesmos.  

Por último, aprobamos a addenda do acordo de interinos que estipula que «O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non terá obrigación de participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoquen no ano 2022 para os efectos de permanencia nas listas».

No apartado de VARIOS abordáronse as seguintes cuestións de interese:

  • Como resposta ás nosas preguntas sobre o desenvolvemento das oposicións a administración adiantounos que:

-O día 3 publicaranse as presidencias de tribunais e, entorno o día 8 ou 9, os lugares de realización. 

-No caso dos mestres, o acto de presentación será o sábado 18 de xuño as 9:00 horas. A primeira parte da primeira proba sería ese mesmo día ás 11:00 horas e segunda ás 17:00 horas.

-Para os aspirantes ó resto de corpos docentes, o acto de presentación terá lugar o día 19 ás 9 da mañá. A primeira parte da primeira proba sería ese mesmo día ás 11:00 horas. A segunda parte da primeira proba dependerá de cada tribunal polas especificidades dos prácticos.

-Hai unha excepción dun tribunal que pediu facer a presentación pola tarde por motivos organizativos e a previsión é que se aprobe.

-Os días 20,  21 e 22 non actuarán os tribunais por ser días lectivos.

-O prazo máximo para remate dos procesos selectivos fixase no 19 de xullo.

  • No relativo ó complemento para as persoas que accederon ó corpo de cátedras: en xuño comezarán a cobrar o complemento retributivo correspondente con efectos retroactivos. 
  • Sobre as cátedras de conservatorio, comentan que a execución da sentencia ten efectividade dende o 1 de setembro e que van resolvendo alegacións relacionadas con nivel de titulacións. A pretensión da administración e cerrar o trámite o 1 de setembro excepto causas maiores que esixiran a paralización. En relación coas listas de interinos neste eido estanse a revisar as listas actuais para asegurar que se cumpran os requisitos de titulación. Tamén se abrirán as listas nas especialidades que se necesiten. 
  • En canto ós trienios por vacacións non gozadas: recoñécese que hai retrasos e estase intentando resolver o antes posible. 
  • En canto ó CADP, a previsión é adiantar a resolución todo o posible. 
  • Con respecto ás asesorías e prazas no CAFI a previsión é que non se convoquen este ano pola reorganización da propia Consellería. 
  • Con respecto ó concurso excepcional de méritos a previsión é que Galicia non se adhira á convocatoria unificada que plantexan outras comunidades e que execute a execute de xeito autónomo. 
  • As instrucións da toma de posesión do CXT están a piques de publicarse.

Accede a toda a información no noso Informa-t

 

 

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.