Sectores

Resumo da Mesa Sectorial: currículums da ESO, FP básica e Bacharelato.


Na Mesa Sectorial de Educación de hoxe tratouse sobre  o  Anteproxecto do Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén analizamos o Anteproxecto do Decreto polo que se establece o currículo do ámbito de Comunicación e ciencias sociais e do ámbito de Ciencias aplicadas dos ciclos formativos de grao básico de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e o Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dende o Sector de Ensino de UGT Servizos Públicos pensamos que este Anteproxecto é unha copia case exacta da lexislación estatal. Igual que o presentado para a educación infantil e primaria, a redacción que se nos presenta apunta, unha vez máis, cara unha innecesaria sobrecarga burocrática para o docente mantendo o mesmo horario e os mesmos contidos a impartir. Para conservar a calidade do ensino, esta situación é inviable contando co número de alumnos que hai actualmente nas aulas. Por iso insistimos na necesidade de baixar os rateos nas aulas para chegar a unha atención individualizada e recuperar o horario do profesorado.

De xeito global queremos compartir a nosa preocupación en distintos aspectos dos presentes currículos:

  • Para empezar unha queixa xeneralizada entre o profesorado é a preocupación pola falta de tempo para estudar os novos currículos e realizar as correspondentes programacións. O prazo de entrega que se establece acurtouse con respecto a cursos anteriores. Contamos ademais coa dificultade engadida de ter que utilizar unha aplicación descoñecida para a cal necesitaremos formación.
  • Outra preocupación moi estendida é a dificultade de impartir a materia contando con menos horario e máis contidos. Ocorre, por exemplo, coa materia de Lingua Castelá de 1º da ESO. Isto tradúcese en impartir máis contido en menos tempo, que é unha tarefa inviable.

En canto ao articulado do  Anteproxecto do Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria presentamos as seguintes obxeccións que se fan extensivas ós artigos parellos no Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato:

  • No artigo 5.2 pensamos que debería aparecer a definición do concepto de “vulnerabilidade” en lugar da palabra. Propoñemos que se substitúa pola definición que aparece no artigo 8 da Orde do 8 de setembro de 2021: “alumnado que presenta desigualdades derivadas de factores sociais, familiares derivados de violencia de xénero, económicos, culturais, xeográficos, étnicos o doutra índole.”
  • No artigo 7 en canto aos obxectivos propoñemos que se cite textualmente o debido respeto á “orientación ou identidade sexual”. Consideramos que no currículo de primaria aparece con acerto no 7.d e nas idades ás que fai referencia o currículo da ESO é aínda máis importante que se faga mención expresa dentro dos obxectivos e non quede desdebuxado ou mencionado só como tema transversal.
  • No artigo 10.4 deberíase borrar o parágrafo “Só se poderá limitar a elección de materias por parte do alumnado cando haxa un número insuficiente deste para algunha das materias ou itinerarios, segundo os criterios que determine a consellería con competencias en materia de educación.” Entendemos que non debería existir ou número mínimo. Pensamos que o  dereito de elección do alumnado debería prevalecer en todos os casos.  Esta mesma corrección débese aplicar ó  artigo 9.4 do Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato.
  • No artigo 12.4 Entendemos que a distribución das materias debería atender máis a razóns pedagóxicas que ás chamadas “organizativas”. A miúdo refírense a necesidades de máis persoal docente que a Consellería non cubre apropiadamente e que acaba prexudicando ó alumnado. Pedimos que se exprese que “priman” as razóns pedagóxicas.
  • No artigo 14.4. Entendemos que a Administración Autonómica debería eliminar a posibilidade da “ampliación do calendario escolar ou do horario lectivo de materias ou ámbitos…” Lonxe de actuar positivamente para favorecer a autonomía dos centros, isto levaría a fomentar unha innecesaria competencia entre centros que redunde nunha maior saturación para o profesorado. Este mesmo erro débese corrixir no artigo 15.3 do Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato.

Por parte da Consellería infórmasenos de que está na lei orgánica e non se ve ningún problema nisto. Está pensado para permitir aos centros a elaboración de proxectos. Os centros teñen que solicitar esta ampliación acompañada da xustificación pertinente.

  • No artigo 16.4. En canto á dixitalización das programacións didácticas, debería engadirse que a Consellería dotará ós centros do material necesario e formará ó profesorado para o uso do mesmo. Aparece igualmente no artigo 17.4 do Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato.
  • No artigo 17.1. exponse que  “Na educación secundaria obrigatoria os centros docentes elaborarán as súas propostas pedagóxicas para todo o alumnado atendendo á súa diversidade, e poñerase especial énfase en garantir a prevención de dificultades de aprendizaxe e a posta en práctica de mecanismos de reforzo e flexibilización, alternativas metodolóxicas ou outras medidas adecuadas tan pronto como se detecte calquera destas situacións.” Para garantir esta prevención e a realización destas medidas insitimos en que é necesaria unha correcta dotación de persoal especializado. Ademais, as cifras actuais de rateos nas aulas non permiten a adecuada atención individualizada.
  • Con respecto ó artigo 20. Entendemos que esta medida debería estar acompañada de máis crédito horario e máis recoñecemento baremable para a figura do titor que ten que asumir cada vez máis responsabilidades e máis burocracia. En concreto no artigo 20.3 do currículo da ESO e o artigo 20.2 do currículo de bacharelato,  non se debería establecer un mínimo dunha visita por trimestre. Debería ser unha posibilidade e non unha obrigación xa que, igual que o alumnado, as familias son todas diferentes e con necesidades específicas.

A Administración considera que estas visitas son un elemento necesario para informar ás familias sobre a situación do alumnado.

  • Cabería reformular o artigo 22.4 ao abeiro do que permite o RD 217/2022, de 29 de marzo no artigo 24.10, polo que se estable a ordenación e as ensinanzas mínimas da ESO, a materia de primeira lingua estranxeira debería ser un ámbito independente do Lingüístico e Social e estar impartido por profesorado especialista. Doutro xeito pérdese a calidade no ensino do alumnado de programas de diversificación curricular, sen deixalo a decisións “organizativas”.

A Consellería resposta que de ser un ámbito independente sería cursado no ámbito da aula ordinaria.

  • No artigo 24.6, establécese que “Con independencia do seguimento realizado ao longo do curso, o equipo docente, coordinado pola titora ou polo titor do grupo, valorará de forma colexiada o progreso do alumnado nunha única sesión de avaliación que terá lugar ao finalizar o período lectivo do curso académico.” Non entendemos o sentido de especificar que sexa unha “única sesión de avaliación”. Propoñemos que se engada o termo de “avaliación final”.
  • O artigo 25.2 b) “ que a suma dos períodos lectivos semanais… non sexa superior a dez…” Este apartado debería ser eliminado porque non se adecúa aos criterios dispostos na recente Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia.
  • En relación co artigo 27 sobre a  proba de avaliación de diagnóstico pedimos que sexa abordada con máis obxectividade. Tal e como se está levando a cabo actualmente non son probas obxectivas nin representativas de todo o colectivo e deberían omitirse. De non poder ser así, solicitamos que a vixilancia e corrección das probas se realice con persoal externo ao centro.
  • En referencia ó artigo 38.1, co que estamos totalmente de acordo, gustaríanos que se establecera un tempo específico a semellanza do que xa existe para “tempo de lectura”. Sen prever unha diminución da carga horaria total que o propio currículo establece para as materias, non se pode articular de xeito efectivo a práctica diaria de exercicio físico durante a xornada escolar. Igualmente solicitamos que a persoa encargada deste plan se vexa compensada con redución horaria e non se dependa da vontade dos docentes.
  • En canto á disposición adicional sétima. Non vemos a necesidade de precisar que o calendario escolar comprenderá un «mínimo» de 175 días lectivos, xa que aparece recollido no Real Decreto.

En canto ao articulado do Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia solicitamos:

  • En referencia ó Artigo 9.  Gustaríanos saber se xa teñen aprobada a proposta dos centros nos que se impartirá o bacharelato xeral. Entendemos que debería existir cando menos un centro de referencia por comarca con esta oferta sobre todo nas zonas rurais de Lugo e Ourense que teñen peores comunicacións.

A Administración nos informa de que, a día de hoxe, hai 36 centros que solicitaron ofertar esta modalidade.

  • Tamén, con respecto ó artigo 9.4 queremos que se limiten ó máximo os casos nos que o alumnado deberá complementar a formación de materias específicas acudindo a outro centro ou na modalidade de distancia. En todo caso, por motivos pedagóxicos amplamente avalados polo resultado do ensino durante o confinamento, pedimos que se dea prioridade o ensino presencial aínda que sexa noutro centro, fronte ó ensino a distancia.
  • Art 10. Fálase que o alumnado de primeiro debe elixir unha materia optativa, unha das que está no art.10.7 ou algunha das ofertadas nas outras modalidades. Entendemos que é así?

O Secretario Xeral confirma que é correcto.

  • No artigo 27.1 con referencia do acceso das familias ás probas do alumnado, debería establecerse se o acceso se limita ó acto presencial de ver o documento ou se permite a obtención de copia por calquera medio. Polo de agora non existe unha instrución consistente e a miúdo depende do criterio de inspección que non sempre é uniforme.

A Consellería infórmanos de que pola lei administrativa, as familias deberían ter dereito a copia, pero indican que van a revisar a normativa para dar instrucións máis concretas.

Por último pedimos que non se faga unha redución da proposta de materias optativas como por exemplo a de “ Fundamentos de Administración e Xestión” en 2º de Bach. Ou “ Educación financeira” en 3º da ESO. Tamén queremos que nos comunique cal vai ser a atribución docente das novas materias como a de “Formación e Orientación Persoal e Profesional”.

A atribución docente está á espera do Real Decreto de especialidades, que ten que resolver o Ministerio. Estáse respectando a orde xerarquía correcta.

O número de optativas aínda non está determinado, publicaranse nunha Orde.

Accede a todo o debatido no noso Informa-t

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.