Sectores

O Día Internacional da Educación celébrase hoxe baixo o lema ‘Cambiar o rumbo, transformar a educación’


A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 24 de xaneiro Día Internacional da Educación co obxectivo de concienciar a todo o planeta da importancia da educación para conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Concretamente o Obxectivo número 4 establece unha Educación de Calidade. Unha xornada que, neste 2022 celebra a súa cuarta edición e que terá como lema “Cambiar o rumbo, transformar a educación”.
Tal e como se detalla no recente informe global da UNESCO sobre “Os futuros da educación”, transformar o futuro require reequilibrar de maneira urxente a forma na que se relacionan os seres humanos entre eles, así como coa natureza e coa tecnoloxía que impregna a vida diaria, que trae oportunidades innovadoras e, ao mesmo tempo, expón graves problemas de equidade, inclusión e participación democrática.
 
A UNESCO subliña que os trastornos provocados pola COVID-19 non fixeron máis que agravar unha crise educativa que, mesmo antes da emerxencia sanitaria, “excluía a 268 millóns de nenos da escola, especialmente ás nenas. Por mor desa exclusión, millóns de nenos, adolescentes e adultos poderían ser vítimas da pobreza, a violencia e a explotación.
Nesta época excepcional, non podemos seguir facendo o mesmo de sempre. “Se queremos transformar o futuro, se pretendemos cambiar o rumbo, debemos repensar a educación”.
 
O Día Internacional da Educación deste ano será unha plataforma para mostrar as transformacións máis importantes que hai que levar a cabo para facer realidade o dereito fundamental de todos á educación.
 
Por iso, o sector de Ensino de UGT Servizos Públicos insiste en cinco retos para alcanzar o obxectivo dunha educación de calidade para todos e todas no ano 2030:
• Garantir unhas condicións de traballo e emprego decentes para todo o profesorado. Lograr erradicar as condicións de traballo precario que sofren aínda moitos docentes e contribuír a mellorar o status do profesorado e a súa valoración por parte da sociedade.
• Lograr que as leis educativas e que todas as normas que regulan as condicións de traballo do profesorado sexan froito dunha negociación real cos sindicatos representativos do sector.
• Consolidar os sistemas de educación pública. Lograr unha educación que, como servizo público, estea libre de especulacións nin comercialización.
• Conseguir que o sistema educativo non discrimine e que inclúa aos máis vulnerables. Fomentar o desenvolvemento dos Programas de Atención á Diversidade e establecer mecanismos de supervisión para garantir a equidade e evitar a segregación.
• Garantir a inclusión nos contidos curriculares da educación para o desenvolvemento sostible e, dentro dela, o cambio climático. Lograr que a comunidade educativa tome conciencia da importancia dos mesmos e que participe como motor do cambio global. UGT seguirá defendendo o dereito a unha educación de calidade, inclusiva e equitativa para todos/ as e de oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida que nos permita un futuro máis sostible, inclusivo e pacífico, que non deixe fora a ningún dos nosos nenos, xoves e adultos.
 
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.