Sectores

Resumo da Mesa sectorial do 19/10/2021: CXT, concurso de orientación e máis.


Seguindo a orde do día da Mesa estes son os aspectos máis salientables que tratamos:

 ORDE QUE REGULARÁ O CXT:

O prazo de presentación de instancias posiblemente sexa do 3 ó 23 de novembro.

As tres principais novidades deste curso son:
• a obrigatoriedade da presentación da instancia por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta.
• o feito de que as vacantes provisionais van ser publicadas no periodo de presentación de instancias.
• tratarase dun concurso pechado, só para persoal que preste servizos na nosa comunidade.

Demandamos:
1. Que se negocien as vacantes na mesa sectorial e nas Xuntas de Persoal. Está a experiencia previa da Comisión Técnica de vacantes que depende da mesa sectorial e que deu bo resultado no sentido de que se trataron e xustificaron as vacantes que se incorporaron ó Concurso Xeral de traslados. Demandamos que se volva a aquel modelo.

2. Que se coñezan as vacantes provisionais no prazo de presentación de instancias e que en todo caso, as vacantes definitivas estean publicadas no prazo de renuncias e que cada participante poida decidir se renuncia ou non ó concurso, sabendo a totalidade das vacantes que son de cobertura. A administración comprometeuse a traballar neste sentido.

3. Que se poidan actualizar os datos persoais e incluir os méritos non só na apertura do concurso senón en calquera momento do ano como recolle a Orde do 2 de xuño de 2021. A administración recoñece que o procedimento non se está a facer así por falta de recursos humanos suficientes na Consellería.

4. Que se incremente o prazo de presentación da instancia do concurso xeral de traslados xa que só se pode presentar telemáticamente e hai que ter en conta que igual participan persoas que nunca fixeron uso da sede electrónica e que precisan solicitar a chave 365 (que agora xa non se pode conseguir no centro médico). Ocorre o mesmo co periodo de notificacións que abrangue tan só 10 días naturais. A administración responde que non pode alterar os prazos procedimentais aínda que é consciente das posibles dificultades que poden surxir e comprométense a complementar as notificacións con avisos previos ó interesado na medida das súas posibilidades.

5. En canto as vacantes é unha demanda reiterada, solicitamos vacantes definitivas de AL para a Etapa de Secundaria para poder atender as necesidades do alumnado con NEAE dun xeito estable e continuado. A administración contesta que non se van publicar.

6. Do mesmo xeito, lembramos que se deben ofertar vacantes para mestres que imparten na ESO. O subdirector informa de que non ofertarán este tipo de vacantes. Neste punto tamén solicitamos que estes Mestres non perdan o seu complemento ao obter adxudicación no CXT.

7. Novamente solicitamos a creación dun catálogo para os centros de Secundaria que axude á organización dos mesmos e á estabilidade dos cadros de persoal docente.

8. Esta organización quere solicitar que se dea a posibilidade de concursar anualmente á xente que se lle adxudicou unha praza de oficio no CXT. Cando a petición é voluntaria, non temos nada que obxectar pero, cando a adxudicación é de oficio sería unha boa opción deixar concursar ó ano seguinte da adxudicación de oficio a este colectivo por se tiveran a posibilidade de achegarse.

9. En relación ó BAREMO solicitamos que:
a. No apartado 3 subir a 15 puntos a puntuación global de xeito que se prime a cualificación profesional dos docentes e deixar que se puntúen no 3.1 varias titulacións da mesma categoría, ó igual que se fai cos idiomas.
b. Se puntúen no 3.3 todas as titulacións que acreditan para impartir un idioma nas sección bilingües e non soamente os títulos da EOI.
c. No apartado 4.3: que se elimine o límite máximo de 5 puntos para outras funcións docentes. O punto 4 ten un límite de 20 puntos que se acadaría con 4 anos de dirección mentres que o traballo desenvolto ó longo de toda unha carreira profesional fóra do equipo directivo só puntuaría ata cinco puntos do total de vinte.
d. No apartado 4.1 ou 4.2 que se puntúen a responsabilidade dos centros de tres unidades; senón análogo á dirección polo menos no mesmo punto que ó secretario, xefe de estudos…
e. Que se recoñeza a labor dos docentes nos centros de menos de 5 unidades as dinamizacións de EDNL e Biblioteca ó igual que se puntúan as de extraescolares e ciclo. Son traballos que levan moito tempo e existe profesorado moi implicado que non se está vendo gratificado pola súa labor.
f. Retirar a puntuación no pto 6.5 por pertencer a tribunais das oposicións das persoas que foron nomeadas sen sorteo pola administración.
g. A UGT Servizos Públicos solicita que se fagan públicos os criterios de valoración das publicacións e os motivos de non recoñecemento das mesmas. Tamén pedimos que se mellore a comisión e o seu funcionamento.
A Consellería indícanos que prefiren non modificar o baremo por un criterio de coherencia co vindeiro concurso estatal.

 ORDE QUE REGULARÁ O CXT de ORIENTACIÓN:

Dende UGT Servizos Públicos reiteramos a necesidade de actualización da rede de orientación educativa e a negociación das prazas de orientación compartidas.
Respecto ós criterios para adxudicación de postos de xefatura, parécenos inviable que un docente itinerante en máis de dous centros educativos a poida asumir.
Nos CPIs a tipoloxía do alumnado é diferente da dos outros centros polo que pedimos que haxa dous especialistas, un para as etapas de infantil e primaria e outro para a ESO.
Por último solicitamos que se reforcen os departamentos de orientación coa dotación dun orientador a maiores naqueles centros que teñan máis de dúas liñas.
En canto ó baremo demandamos engadir apartados específicos nos que se puntúe actividades relacionadas con atención á diversidade, publicacións específicas, formación en atención á diversidade e NEAE, impartición de cursos específicos, etc.

OUTRAS PETICIÓNS QUE LEVAMOS Á MESA INCLÚEN:

Que se axilicen as demandas do persoal que ocupa os postos de especial dificultade ante a inspección educativa. Por exemplo, a dotación de chamadores de emerxencia de pulso que facemos extensiva ás unitarias nas que permaneza só un docente.

Que se abra de novo a lista de francés de primaria xa que leva esgotada dende finais de setembro.

 

Que se actualicen tamén as listas de PT. Confírmannos que próximamente se actualizarán.

Que saian canto antes as instrucións relacionadas coa modificación das probas extraordinarias de xuño.

Que, para evitar confusións, non se publiquen na páxina web da consellería avisos que inclúan Ordes completas antes de que estas sexan publicadas no DOG e que entren en vigor.

 

Que se nos informe de si haberá concurso de adultos este ano. Confírmannos que non o haberá.

 

 

 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.