Publicado o pasado día 20 o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais.
OBXECTO
- Definir a estrutura do Marco galego de competencias dixitais, regular a certificación galega en competencias dixitais e establecer os requisitos, criterios e procedementos para a súa obtención.
- Incluír a creación do Rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e de entidades colaboradoras.
- Regular os órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia encargados da xestión operativa do Marco galego de competencias dixitais e da certificación galega en competencias dixitais.
FINALIDADE
Cara ao persoal empregado público o desenvolvemento do Plan de capacitación dixital deberá definir as competencias dixitais mínimas do mesmo.
CERTIFICACIÓN GALEGA EN COMPETENCIAS DIXITAIS:
Acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías.
Poderán acadar a certificación galega en competencias dixitais as persoas maiores de dezaseis anos que acrediten os coñecementos, capacidades e aptitudes exixidas para cada tipo de certificación.
TIPOS DE CERTIFICACIÓNS:
- Certificación por áreas de dominio competencial ou agrupación de competencias destinada aos niveis de aptitude menores.
- Certificación por cada unha das competencias destinadas aos niveis de aptitude máis avanzados.
Terá un período de validez máximo de cinco anos desde a data da súa obtención e, ao estar vinculada ao Marco galego de competencias dixitais, poderá perder a súa validez anticipadamente no caso de que o Marco sexa modificado.
Cando a perda de validez da certificación se produza por unha modificación do Marco galego de competencias dixitais, ofrecerase ás persoas acreditadas a posibilidade de realizar unha proba destinada á renovación da súa certificación dentro do prazo dos doce meses seguintes á data de finalización do período de validez.
FORMAS DE OBTENCIÓN:
- Mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola AMTEGA.
- As persoas que xa teñan acreditados os seus coñecementos por calquera dos medios seguintes:
- Obtención por acreditación de formación superada e certificada na Administración xeral de Galicia e do seu sector público, cuxos contidos estean homologados como habilitantes para a obtención dalgunha das certificacións recollidas neste decreto.
- Obtención dunha acreditación de unidades de competencia incluídas no Catálogo nacional das cualificacións profesionais cuxo ámbito competencial cubra os contidos formativos que se recollan no Marco galego de competencias dixitais.
- Obtención por validacións, homologacións e recoñecemento de certificados de competencias dixitais doutras administracións públicas, ou a través da acreditación de títulos, diplomas ou certificados oficiais que acrediten ter os coñecementos, competencias e aptitudes descritas para a obtención dalgunha das certificacións recollidas neste decreto.
A CERTIFICACIÓN GALEGA EN COMPETENCIAS DIXITAIS E OS PROCESOS DE EMPREGO PÚBLICO:
A acreditación da certificación dentro do Marco galego de competencias dixitais poderán valorarse como mérito ou establecerse como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal, nos termos que estableza a normativa reguladora da función publica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público ou doutras entidades do sector público autonómico nas súas áreas de competencia.
CERTIFICACIÓNS CODIX:
- No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto ditarase a orde pola cal se aprobarán os criterios de homologación da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro.
- No caso do persoal empregado público estableceranse, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, os criterios de validacións das acreditacións que se teñan obtido e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías dixitais na administración pública, con contidos vixentes e aplicables.
CONSIDERACIÓN DE UGT:
Reclamamos dende o ano 2011 a creación dun marco regulatorio de referencia que puidera posibilitar a HOMOLOGACIÓN das accións formativas orientadas ao perfeccionamento, e a mellora das competencias e as cualificacións dixitais das persoas traballadoras da Administración Pública, desenvolvidas baixo o Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), impartidos a través da nosa organización sindical co aval do INAP e a Comisión Xeral de Formación Continua.
A publicación deste Decreto recoñece de facto a pertinencia e acerto da nosa reivindicación.
Informaremos do procedemento que se arbitre para que todas as persoas que teñades superado o curso de Ofimática (190hs) impartidos no marco da AFEDAP a efectos da súa homologación.