UGT require á Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a reorganización e revisión dos plans de coidados do Fogar Residencial de Melide, co fin de que se realicen os aseos de residentes fora da quenda de traballo nocturna.
UGT pon de manifesto, unha vez máis, as queixas transmitidas polas persoas traballadoras da categoría xerocultora do Fogar Residencial de Melide.
Na reunión do pasado 27 de maio e logo de manifestarmos a falta de xustificación para a realización dos aseos dos residentes en quenda de noite, o Xerente adxunto da Área de Benestar do CGSIB comprometeuse á negociación da modificación de tarefas nas quendas. Ese compromiso quedou nun incumprimento, nin se negociaron a reasignación de tarefas nas quendas, nin se soubo nada máis da cuestión, e os nosos residentes seguen a padecer unha mala praxe.
UGT considera que esta práctica é reprobable, a Xerencia debería priorizar o benestar dos residentes acomodando e programando as tarefas de xeito eficaz e coherente. Debe terse en consideración que realizar aseos a persoas maiores e dependentes pola noite, tras cear e administración de medicación, ou a primeira hora da mañá obrigando a erguelos a horas moi temperás, non semella ser o máis idóneo. Esta práctica aparece, como se pode contrastar, nos plans de coidados con aseos pautados, segundo a planificación, a 5 residentes ás 22.00 horas e a 3 residentes ás 7.00hs.
O que se evidencia con esta programación de tarefas é a falla de persoal ou falla de organización do traballo, ambas subsanables, si hai interese.
UGT transmite á Xerencia que a situación que se está a padecer neste Centro de traballo, ocasiona sobrecarga de traballo no persoal da quenda de noite. Os responsables da xestión do traballo deberían atender a unha mellor e máis efectiva organización das cargas de traballo á par de velar polo benestar dos residentes.