Sectores

Reunión coa valedora do pobo


Esta semana tivo lugar unha reunión entre os representantes da Valedora do Pobo (o Secretario xeral e a Xefa do Servizo de Administración e Persoal) e as OOSS (UGT, CIG, CSIF e CCOO), para analizar, despois das alegacións presentadas, as dúas propostas presentadas pola institución:

  • A convocatoria de dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental, en tarefas de apoio a funcións propias da Valedora do Pobo, como medida de formación para a súa inclusión laboral.
  • As bases xerais para as convocatorias de provisión de postos de traballo polo sistema de concurso de méritos e a convocatoria do concurso de méritos para a provisión dunha praza vacante na institución.

O Secretario xeral e a Xefa do Servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo fixeron fincapé nos aspectos modificados nas propostas iniciais, despois das aportacións e a tenor das alegacións presentadas polas OOSS, e que no caso de UGT incidiron no seguinte:

  • Convocatoria de Bolsas. Valoramos favorablemente unha iniciativa encomiable e de necesidade, ante a escaseza deste tipo de ofertas laborais. Neste punto, admitíronse parte das nosas alegacións, na determinación, clara e concisa, das puntuacións outorgadas aos cursos oficiais (de 12 ou máis horas) e as prácticas laborais desenvoltas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes, e a designación dunha persoa designada polos sindicatos máis representativos (titular e suplente) na Comisión de Selección. Despois de realizar o correspondente sorteo entre as OOSS, tocoulle a UGT ocupar o primeira quenda rotatoria na Comisión de Selección creada ao efecto, para instruír o procedemento de concesión da bolsa, interpretar as bases, examinar as solicitudes e a documentación achegada, realizar a valoración, formular a proposta de concesión e establecer unha lista de suplentes. As bases foron aprobadas por unanimidade, e a semana que ven procederase á publicación da Resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.
  • Bases xerais de provisión de postos polo sistema do concurso de méritos. UGT parte do seu carácter esencial e de utilización prioritaria previa, tanto á promoción interna como á convocatoria libre. Neste punto, admitíronse a maior parte das nosas achegas, nas que avogamos por un incremento da puntuación da antigüidade no apartado de méritos, pasando a ser o principal apartado de baremación (12 puntos), por unha ampliación do prazo no período de emenda, e pola incorporación nas convocatorias particulares da exixencia da permanencia mínima de dous anos nun posto de traballo na Administración de orixe para poder concursar. Así mesmo, en consonancia coas outras OOSS, acordouse incluír un punto de valoración de méritos relativo ao traballo desenvolvido. As bases foron aprobadas por unanimidade, e nas vindeiras semanas procederase á publicación da Resolución de aprobación das mesmas no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.