O 23 de xuño de 2021 celebrouse a reunión da comisión de persoal na que se trataron os seguintes temas
Proxecto de orde para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo.
CCOO e UGT atendendo a que esta Orde recolle a maioría das alegacións formuladas, en relación coa aclaración dos prazos e dos permisos, nomeadamente a do permiso de maternidade e paternidade, co mantemento da antigüidade, coa consolidación do grao, coa non devolución do complemento da carreira profesional, co mantemento nos postos de traballo do persoal interino que substitúe postos con reserva de praza, o voto de CCOO e UGT foi A FAVOR.
Acordo para a efectividade e acomodación da rpt de funcionarización do persoal laboral e a súa equiparación con postos funcionariais da administración xeral.
Baixo o noso entender o Acordo explícita as seguintes cuestións:
- Todo o persoal laboral fixo que se funcionariza, verá incrementado o seu salario bruto por, entre outras cuestións, deixar de cotizar ao desemprego e ver revertida dita porcentaxe na súa nómina (1,55%).
- Lévase a cabo a homologación de categorías laborais ás equivalentes de persoal funcionario, de existir estas.
- O persoal laboral que cobraba máis que no posto no que se encadra agora como persoal funcionario, terá un complemento de funcionarización, consolidable e non absorbible, polo que se lle garante “ad personam” esa diferencia retributiva (en contra do que algúns vaticinaban).
- A maioría do persoal funcionarizado, verán incrementadas as súas retribucións brutas anuais, pola homologación dos complementos específicos.
- Garántese o cobro da nocturnidade, nos mesmos termos e coa mesma fórmula que no Convenio Único.
- Establécese o compromiso de transformar, mediante negociación, as cantidades dos complementos específicos, na correspondencia equivalente do nivel de complemento de destino (ex: no caso do persoal da AP, nunha escala de niveis 10, 12 e 14).
- Recóllese unha comisión de seguimento deste acordo que terá entre as súas competencias as da consulta e análise dos complementos de funcionarización da presente e futuras RPTs.
Por tanto o voto de UGT e CCOO foi A FAVOR.
Proposta modificación rpt (funcionarización).
Neste punto fixemos dúas consideracións previas: que se recollese na Memoria Funcional, o mesmo texto que na Orde, sobre a consolidación do grao persoal, así como que se fixese referencia a que na negociación das RPT futuras de funcionarización, tamén se negociarían os criterios para determinar os complementos de funcionarización que puideran corresponder, sobre a base de que estes fosen sempre os menores posibles. Con estas cuestións aclaradas e tendo en conta que a RPT era a translación da orde e do acordo a mesma, o voto de CCOO e UGT foi A FAVOR.
Orde desenvolvemento dt2ª 37/2006, polo que se regulan as listas de contratacións temporais de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal
Esta modificación xa estaba prevista no Decreto de funcionarización e ademais é necesaria para unha correcta e eficaz xestión das listas unha vez realizada a funcionarización do persoal laboral co obxecto de refundir as listas das categorías de laborais nas correspondentes de corpos e escalas de funcionarios (se as houbese) e crear as novas listas que sexan necesarias de xeito que os chamamentos se fagan por unha lista única. Como esta Orde recollía cuestións puramente técnicas e de procedemento e unha vez resoltas as aclaracións que pedimos, o voto de UGT e CCOO foi A FAVOR.
Rogos e preguntas.
- Elección de destino das enxeñerías que están pendentes da toma de posesión terá lugar durante o mes de xullo.
- A RPT do Consorcio pecharase definitivamente antes do mes de agosto. En palabras do DXFP “teremos novidades sobre este tema a próxima semana”.
- Tamén preguntamos pola previsión dos exames de funcionarización para aquelas categorías que xa teñen lista de admitidos e excluídos e tamén polo previsión de realización do segundo exame de aqueles corpos, categorías e escalas de promoción interna e acceso libre que xa realizaron o primeiro exame. Non concretou se a realización será en xullo ou quedará para despois do verán.
- Preguntamos pola negociación das condicións de traballo do persoal das Illas Atlánticas (xa o fixemos na Mesa Xeral). Resposta: mandarán unha proposta para iniciar esta negociación en cuestión de días.
- Respecto do concurso de corpos xerais mantén a previsión de que neste mes sairá a baremación provisional.