Sectores

Convocatoria da sesión constitutiva da comisión técnica de seguimento do teletraballo


 

Publicada hoxe a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca a sesión constitutiva da Comisión Técnica de Seguimento do Teletraballo prevista no artigo 16 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo, e se designan os seus vogais.

Como se establece na Orde de Teletraballo a Comisión Técnica é o órgano colexiado de seguimento e control da referida modalidade de prestación de servizos, e está adscrito á consellería competente en materia de Administración pública, para o exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 17 do mesmo texto, que son:

  1. Estudar as incidencias que lle comuniquen os centros directivos sobre a materia e ditar criterios para a súa resolución.
  2. Establecer criterios orientativos en relación cos postos excluídos da modalidade de teletraballo.
  3. Elaborar e valorar cuestionarios para avaliar o funcionamento da prestación de servizos na modalidade de teletraballo, así como o índice de satisfacción das persoas teletraballadoras e supervisoras.
  4. Informar con carácter facultativo sobre as queixas que se presenten en relación coa prestación de servizos na modalidade de teletraballo.
  5. Realizar por mostraxe unha fiscalización dos expedientes de teletraballo tramitados e autorizados, que abranguerá tamén a comprobación da existencia e permanente actualización dos plans individuais de traballo.
  6. Elaborar un informe anual de seguimento das resolucións emitidas, en que se incluirán os principais datos cuantitativos, a valoración dos resultados obtidos e do grao de eficiencia do traballo desenvolvido, as incidencias manifestadas e, se é o caso, as propostas de mellora que se consideren oportunas.

Como é sabido UGT non apoiou a Orde de teletraballo, posto que entendemos que se trata dunha ocasión perdida para a extensión do dereito ao persoal empregado público, mediante o seu artigo 3 amósase restritiva e excluínte, polo que avogamos pola súa revisión e actualización. Debemos recordar que están excluídos da posibilidade de teletraballar, co apoio da CIG, entre outros os seguintes colectivos:

  • Postos en oficinas de rexistro e atención e información á cidadanía.
  • Postos técnicos ou administrativos de unidades con atención 24 horas (emerxencias, prevención de incendios e outras análogas).
  • Postos que desenvolvan as súas funcións fóra das dependencias administrativas, exemplo: Axentes Forestais e Medioambientais.
  • Postos de persoal non docente en centros docentes e en centros de formación e inserción profesional, os destinados en residencias e centros de atención a persoas maiores e con diversidade funcional, centros de recepción e acollida de menores, centros especializados en atención a maiores, centros de avaliación de persoas con discapacidade e, en xeral, en todos aqueles outros que determine a Comisión Técnica de Seguimento do Teletraballo.

En todo caso, as competencias reguladas na Orde e atribuídas tanto á Comisión Técnica como á Comisión de Seguimento non o poñen fácil para un desenvolvemento equilibrado e homoxéneo. A disparidade de interpretacións que realizan os mandos intermedios amosan que non existen directrices 6 meses despois da entrada en vigor da norma, esperamos que coa constitución da Comisión Técnica se comecen a sentar as bases da homoxeneización de criterios.

Enlace á publicación da Resolución:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210602/AnuncioG0597-270521-0002_gl.pdf

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.