O anteproxecto de Lei Orgánica de Eficiencia organizativa do Servizo Público de Xustiza supón unha profunda modificación da estrutura organizativa da Administración de Xustiza.
A grandes liñas, implica a creación e constitución dos Tribunais de Instancia e a transformación dos Xulgados de Paz nas Oficinas de Xustiza nos municipios.
Tamén conleva a conclusión do desenvolvemento da implantación da Oficina Xudicial adaptada ao novo modelo que se pretende.
Esta Lei que avoga pola especialización, a homoxeneidade, a flexibilidade e a deslocalización como ferramentas para conseguir os seus obxectivos, afecta directamente as condicións laborais do persoal funcionario da Administración de Xustiza.
Desde UGT advertimos que calquera modificación das condicións laborais teñen que ser negociadas cos representantes das traballadoras e traballadores, sen que se poida admitir ningunha perda dos nosos dereitos sociolaborais.
Unha vez máis, este equipo ministerial volve tentar implementar proxectos que foron duramente contestados polo persoal funcionario da Administración de Xustiza, especialmente no relativo á modificación do artigo 521 de LOPJ. O citado Anteproxecto que nos remite o Ministerio de Xustiza contén unha serie de modificacións que é necesario explicar e aclarar ata o máis mínimo detalle, das que destacan:
- novo intento de modificar o 521 da LOPJ.
- Os postos deslocalizados que se pretenden introducir.
- A inclusión do persoal doutras Administracións Públicas con funcións nas novas Oficinas de Xustiza municipais.
- A redefinición do modelo de Oficina Xudicial coas novidades que introduce esta Lei, ao transformar as UPAD en Unidades Procesuais de Tramitación con novas funcións de apoio directo, ordenación do procedemento e execución; e as novas funcións que tamén engade aos Servizos Comúns Procesuais.
UGT esixe a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial de Xustiza para a necesaria explicación destas e outras cuestións que afectan directamente as condicións de traballo do persoal de Xustiza ante os novos proxectos lexislativos.