MOBILIZACIÓNS DO PERSOAL DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
CIG expón a súa crítica e rexeitamento ao desenvolvemento do Acordo de Concertación do Emprego Público en Galicia. Considera, ao igual que CSIF, que o único camiño lexitimado para a negociación da reversión de dereitos é aquel que se negocie cos órganos con competencia para o mesmo.
UGT esixindo e reclamando a aplicación do Acordo de concertación, non anula, suprime ou menoscaba a capacidade negocial dos órganos lexitimados, en todo caso pon en valor o asinado e publicado en DOG o 28 de xaneiro de 2019.
O Acordo, contempla na Sección primeira da mellora do emprego público e das condicións de traballo, no seu apartado Sexto, das Medidas en materia de xornada de traballo e de conciliación do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguinte previsión:
Acolléndose ás previsións contidas no apartado cuarto do II Acordo para a mellora do emprego público e de condicións de traballo, do 9 de marzo de 2018, a Xunta de Galicia presentará á Comisión de seguimento do presente acordo unha proposta para o desenvolvemento dun plan para o establecemento doutras xornadas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas. Unha vez oídas as persoas integrantes da devandita comisión, elevarase a dita proposta á Mesa Xeral de Negociación.
Certo é que se estableceu un grupo de traballo ao respecto desta previsión, no mes de febreiro de 2020, que paralizou as súas reunións por motivos evidentes da situación epidemiolóxica. Semella evidente que algunhas das organizacións ou ben non leron o contido do Acordo, ou lles faltou un momento de lectura comprensiva, ou faltan á verdade na súa exposición.
UGT séntase a tratar o contido do Acordo de concertación porque así o obriga o asinado para as partes. UGT non vai a negociar nada ás costas de ninguén. É evidente que no tratamento de xornadas, ao abeiro do Acordo, deben entrar conceptos que claramente recuperen dereitos suspendidos pola Lei 1/2012.
UGT intentou, intenta e intentará sempre minorar calquera recorte producido por normas, sexan estatais ou autonómicas, dando retorno a situacións preexistentes antes da aplicación das mesmas, tal e como así mesmo recoñece a Valedora do Pobo en resposta a esta Organización, ante a queixa da aplicación derivada da aprobación da Lei 1/2012. Nese escenario se traballaba e se traballa no intento de retrotraer actuacións fundamentadas en normas con rango de Lei. Descoñecer esta realidade é enganar aos traballadores e traballadoras. Dicir o contrario é facer funambulismo artificioso, por certo moi propio dalgúns.
Polo tanto UGT amosase favorable a continuar cos traballos iniciados a fin de poder chegar a unha proposta cara á rematar cunha negociación no ámbito que corresponda, co obxecto de recuperar dereitos.
Haberá quen logo de 9 anos sega a entender que a mellor maneira de conseguir recuperar é non facer nada (CIG e CSIF) e haberá quen entenda que a forma de avanzar é realizando propostas para chegar a un entendemento que remate coa situación actual, aí vai a estar UGT.
A conclusión do punto é a remisión á Conselleira dun novo escrito reclamando a negociación. UGT entendendo que se trata dunha postura obstrucionista cara ao desenvolvemento do Acordo vota en contra, avogando pola continuidade aberta mediante o Acordo de concertación.
INTERPRETES E COIDADORAS/ES DOS CENTROS DE ENSINO:
Acórdase presentar unha denuncia ante a Inspección de traballo unha vez que xa se dirixiu escrito a Función Pública e non foi atendido.
DENEGACIÓN DE ADSCRICIÓNS AO PERSOAL LABORAL.
En relación a este punto, CCOO solicita reunión no ámbito de Medio Rural e considera que cómpre solicitar a Función Pública que facilite instrucións que aclaren dúbidas sobre a situación na que se atopan tanto o persoal laboral indefinido, non fixo ou fixos.
UGT sinala que houbo cambio de criterio na concesión de adscricións temporais e que se debe solicitar a Función Pública a publicación dunhas instrucións con carácter urxente que aclaren a situación xurídica na que quedarán o persoal indefinido e o indefinido no fixo, mostrándose favorable á concesión de adscricións temporais para o persoal fixo, convertendo cando proceda as súas adscrición en comisións de servizo.
CsiF e CIG tamén se pronuncian na mesma liña.
Acórdase por unanimidade remitir escrito a Función Pública solicitando as instrucións nos termos formulados.
COMPLEMENTO DE CARREIRA PROFESIONAL PERSOAL INDEFINIDO NON FIXO DA PRIMEIRA PARTE DA DTª VCCU
UGT sinala que o problema debeuse ao non recoñecemento de oficio da carreira profesional, xa que houbo persoal que non o solicitou. Móstrase a favor de dirixir escrito a Función Pública para que se aboe de oficio a todo o persoal, dadas as distintas casuísticas que se produciron en relación a este tema.
Finalmente acórdase dirixir escrito a Función Pública solicitando que de oficio se aboe o complemento equivalente da carreira profesional a todo o persoal que está nos supostos explicados.