Sectores

Opinión de ugt sobre a percepción de trienios nos entes instrumentais integrados


 A Xunta de Galicia leva anos desenvolvendo entre os de Galicia:

  • No 2012 aprobou o sistema para integrar ao persoal laboral das entidades do sector público no Convenio Colectivo da Xunta
  • No 2018 pactou cos sindicatos UGT e CCOO o sistema para integrar ao persoal laboral do Convenio Colectivo da Xunta no réxime funcionarial a través do Acordo de Concertación

O obxectivo destes procesos é unificar os réximes xurídicos de todo o persoal, facilitando deste xeito, a xestión do propio persoal, a súa promoción e a súa mobilidade.

O Acordo de concertación habilitou por 1ª vez na Administración autonómica un proceso de conversión voluntaria do persoal laboral fixo en persoal funcionario, previa superación dunha proba específica.

Dado que as condicións retributivas do persoal funcionario e laboral non son exactamente iguais, nos procesos de integración adóitase incluír un mecanismo de indemnidade para que o persoal que opte por cambiar de réxime non experimente perdas salariais.

En concreto, o artigo 9 do Decreto 165/2019, que desenvolveu normativamente o proceso de funcionarización pactado cos sindicatos, incluíu a regulación específica do mecanismo de indemnidade recollido no Acordo de Concertación.

Este artigo di que “o persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización. Ademais o primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior a o que se percibiría como laboral”.

A aplicación do réxime de indemnidade ao concepto de antigüidade deriva do feito de que este concepto retributivo ten carácter persoal, sendo diferente para cada traballador, e acompáñao ao longo da súa vida profesional.

Unha vez iniciados o procesos de funcionarización coa realización das primeiras probas, o artigo que figura na Lei de medidas vén a estender ao persoal laboral fixo das entidades do sector público que se integren no Convenio Colectivo da Xunta ou se funcionaricen o mesmo réxime de indemnidade que se pactou no Acordo de Concertación.

Polo demais, este tratamento da antigüidade é o normal e ordinario en todos os procesos de integración de persoal. De feito, no eido sanitario, que é o sector no que maior número de procesos de integración de persoal se producen, xa o Real Decreto lei 3/87 estableceu o principio xeral de mantemento da antigüidade recoñecido aos profesionais que participan nun proceso de integración de persoal.

En Galicia ese principio de respecto a antigüidade recoñecida tamén se estableceu no Decreto 447/96, que se aplicou as integracións do persoal transferido a comunidades de Galicia procedente das institucións sanitarias procedentes de Deputacións, Concellos, Ministerio de Defensa e a rede asistencial do Instituto Social da Mariña.

En definitiva:

  • Trátase dun mecanismo habitual para evitar perdas retributivas nos procesos nos que un empregado público cambia de réxime xurídico
  • Vén aplicándose nos procesos de integración que se veñen producindo en Galicia dende o ano 1996.
  • A súa aplicación ao persoal laboral fixo do Convenio colectivo da Xunta de Galicia, que se funcionariza, forma parte do Acordo de Concertación asinado coas organizacións sindicais UGT e CCCO.
  • Non ampara ningunha suba salarial.
  • Aplícase unicamente ao persoal laboral fixo.
  • A súa extensión ao persoal do sector público galego realizase para proporcionar igualdade de trato a todo o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Os seres bipolares mesiánicos que adoitan cambiar de pola segundo teñan que falar para un público ou outro, pretenden desta vez rizar o rizo sobre cuestións que deberan ser dereitos consolidados, ou así o vendían cando facían campaña nalgún ente como o IGAPE, é obrigado recordarlles o que lles “vendían” a eses compañeiros e compañeiras sobre a súa situación e salarios, facendo bandeira da defensa das súas percepcións ante unha posible integración no V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia e unha probable futura rebaixa salarial.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.