Recibidas a resposta as alegacións formuladas pola nosa Organización ao documento presentado á Mesa Xeral, de modificacións á Lei de Emprego Público de Galicia; Expoñemos as novidades que a ese respecto contén o borrador presentado onte para a súa tramitación parlamentaria: (en cor azul o contido novo)
Disposición adicional segunda. Medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación de emerxencia sanitaria
Entenderase que a situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 constitúe unha causa de forza maior que xustifica, naqueles procesos selectivos ou de provisión que, pola dita causa, non poidan desenvolverse regularmente, e tanto se están convocados no momento da entrada en vigor desta lei como se son convocados con posterioridade, a adopción motivada pola persoa titular da consellería competente en materia de función pública, educación ou sanidade, segundo o persoal de que se trate,, entre outras, das seguintes medidas:
- A ampliación dos distintos prazos de realización dos exercicios dos procesos selectivos ata que a situación derivada da pandemia permita un axeitado desenvolvemento dos mesmos.
- A realización dos exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas, con distintos exercicios sobre o mesmo temario, así como a realización dos exercicios en distintas sedes, distribuíndose as persoas aspirantes do xeito que determine o órgano convocante dos procesos, sempre que, en todo caso, quede garantido o respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso ao emprego público.
- Fixación de datas alternativas para a realización de exercicios de procesos selectivos a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por atoparse cumprindo unha medida de illamento ou en corentena que teñan prescrita por ser persoa infectada por Covid-19 ou contacto estreito, debendo fixarse a data alternativa con garantías de non alteración do desenvolvemento normal do correspondente proceso selectivo.
- A ampliación dos distintos prazos para a resolución dos procesos de provisión.
- A adopción de calquera outra medida, debidamente xustificada, a proposta da autoridade sanitaria autonómica competente.”
ALEGACIÓNS DE FeSP-UGT NON TIDAS EN CONSIDERACIÓN:
- Oposición á realización dos exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas. A resposta facilitada a esta alegación basease en que o comité clínico ten establecidas unhas directrices que se deben cumprir, entre elas, a realización de exercicios por quendas cando se sobrepasa determinado aforo.
- Que en atención a que as medidas contidas na presente Lei afectan aos procesos non iniciados e que considerando que existe un número moi considerable de persoas opositoras pendentes das decisións gubernamentais ao respecto, se anunciase que non se realizarían procesos selectivos ata a aprobación das presentes medidas. NON TIVEMOS RESPOSTA NIN O PASADO VENRES NA MESA XERAL NIN NA RESPOSTA ÁS ALEGACIÓNS.