Recibidas a resposta as alegacións formuladas pola nosa Organización ao documento presentado á Mesa Xeral, de modificacións á Lei de Emprego Público de Galicia; Expoñemos as novidades que a ese respecto contén o borrador presentado onte para a súa tramitación parlamentaria: (en cor azul o contido novo)
Disposición adicional terceira. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino derivadas da situación de emerxencia sanitaria
Como consecuencia das circunstancias excepcionais ocasionadas pola declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia derivada da pandemia do COVID-19, e para garantir a prestación de funcións directamente relacionadas coa atención á dita emerxencia, adóptanse as seguintes medidas en materia de listas de contratación de persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal:
- No suposto de non existiren aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas
- Categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, ou,
- no seu caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes ás indicadas,
- Poderase acudir:
- á relación de penalizados da categoría profesional, corpo ou escala correspondente que solicitaron a reincorporación, ou
- aos integrantes das listas que solicitaron a inclusión durante o ano en curso, no caso de que non estiveran publicadas as listas definitivas e lles correspondese ser admitidos ou
- á relación de penalizados que non solicitaron a reincorporación.
- Ademais, en postos pertencentes á categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3), poderase acudir:
- a persoal doutras listas de contratación temporal do grupo IV que estiveran en posesión do título de formación profesional de grao medio de técnico en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalente.
- Excepcionalmente, no caso de que non fose posible a cobertura de postos da categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3) polos procedementos previstos nos parágrafos anteriores, poderán seleccionarse candidatos que teñan cursados os estudos correspondentes para a obtención do titulo de grao medio de técnico en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalente, e o acrediten documentalmente, sempre que cumpran o resto dos requisitos esixidos para o acceso á categoría.
- Cando pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II, e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, non existisen candidatos que estiveran en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.