Resumo da Mesa Sectorial

Resumo da Mesa Sectorial

Na Mesa Sectorial de Educación de hoxe tratouse sobre o Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Anteproxecto de Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia

Dende o Sector de Ensino de UGT Servizos Públicos pensamos que este anteproxecto é unha copia case exacta do Real Decreto 157/2022. Igual que o presentado para a educación infantil, a redacción que se nos presenta apunta, unha vez máis, cara unha innecesaria sobrecarga burocrática para o docente mentres que se perde a oportunidade de poñer en valor a realidade lingüística e sociocultural de Galicia. Por iso insistimos na necesidade de baixar os rateos nas aulas para unha atención de calidade e individualizada do alumnado.

De xeito global queremos compartir a nosa preocupación en distintos aspectos do presente documento:

  • A primeira das nosas peticións é que, tras dous anos de pandemia, obsérvase no alumnado unha redución de hábitos saudables, tanto físicos como alimentarios. Institucións internacionais, como a OMS, defenden a importancia da actividade física diaria para a creación de hábitos de vida activa e saudable. Cremos que se debería incorporar un momento na xornada lectiva, igual que se fai na hora de ler, para traballalo na aula. De non ser posible, propoñemos que se aumente algunha sesión de educación física na que tamén se traballarían os estilos de vida saudables. A Administración resposta que no artigo 35 contémplase a posibilidade de aplicar este plan de actividades e hábitos dependendo da organización do centro, polo que non se considera necesario o aumento de horas de educación física.
  • O profesorado de relixión fainos chegar as súas inquedanzas. Propón que a ensinanza alternativa á relixión sexa a de Educación e Valores Cívicos e Éticos en todos os cursos da etapa; que non se reduza a carga horaria e que sexa unha ensinanza computable. A Consellería nos informa de que no Decreto non se tratan as asignacións horarias.
  • En canto á proba de avaliación de diagnóstico pedimos que sexa abordada con máis seriedade. Tal e como se está levando a cabo actualmente non son probas obxectivas e deberían omitirse. De non poder ser así, solicitamos que a vixilancia e corrección das probas se realice con persoal externo ao centro. A esta petición non se obtivo resposta.
  • Valoramos positivamente o desdobre da Educación Artística en Educación Plástica e Visual e en Música e Danza. Estendemos a valoración á materia de Educación e Valores Cívicos e éticos para o terceiro ciclo e incluso o ampliaríamos ós dous cursos, 5º e 6º. A Consellería volve a informarnos de que no Decreto non se tratan as asignacións horarias.

En canto ao articulado solicitamos:

  • 11. pto 3: “ As actividades escolares desenvolveranse, cando menos, ao longo de vinte e cinco horas semanais”. Pedimos que se elimine “cando menos” porque non ten cabida permitir a ampliación destas horas.
  • 15: Programacións didácticas para cada unha das áreas, entendemos que se mandarán instrucións sobre todo de cara as novas materias. A Consellería responde que estas instrucións se desenvolverán nas correspondentes ordes.
  • 17. Punto 3: Elementos transversais. “Prestarase especial atención á orientación educativa, á acción titorial e á educación emocional e en valores”. Pedimos máis tempo para facer as coordinacións oportunas.
  • 18: coordinacións entre etapas. Na práctica vemos que apenas existe coordinación entre as etapas e pedimos que os ”mecanismos para favorecer esa coordinación” sexan dados por parte da Consellería e non establecidos polos centros.
  • 20: Atención á diversidade. Existen necesidades educativas moi concretas para as que necesitamos mellores diagnósticos, máis persoal de orientación e máis equipos de orientación específicos (EOE). Pedimos que se poida solicitar profesorado de apoio en calquera momento do curso, sobre todo nas situacións especiais como a de agora coa chegada do alumnado de Ucraína.
  • 27: Queremos que se nos explique cal foi o criterio para conservar as notas numéricas en Galicia. O Secretario Xeral contesta aclarando que esta decisión entra dentro das competencias autonómicas e que , en ningún caso, vai en contra da lei, simplemente foi positivo ata o de agora e se seguirá empregando. O que ven funcionando non se cambiará.
  • 34 punto 2: “A consellería promoverá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na aula como medio didáctico”. Entendemos con isto que todos os centros, sen esquecer o rural , será dotado cos medios e conexións necesarios.
  • En relación á disposición adicional segunda. Eliminouse a opción de libre configuración en 4º e 6º curso. Nalgúns centros a materia impartida era unha segunda lingua estranxeira. Queremos saber que vai pasar con ese alumnado. Entendemos que se dará a opción de escollela na hora de Proxecto competencial. Pero pedimos máis, queremos que se poida ofertar como primeira lingua estranxeira calquera idioma en igualdade de condicións que o inglés.

O Subdirector aclara que o Proxecto Competencial non pode introducir ningún contido curricular. En canto á primeira lingua estranxeira infórmanos que no currículo non se especifica o idioma, polo tanto calquera centro con alumnado suficiente pode ofertar a lingua estranxeira que se demande.

 

VARIOS

  • Pedimos que se nos informe da data prevista para a orde do calendario escolar. Infórmannos que vai ser de inmediato.
  • Estamos á espera de que se nos presenten os borradores dos diferentes ROC; e vendo a preocupación da súa aplicación para o vindeiro curso, solicitamos que se nos informe da data prevista para tratalos na mesa.

O Secretario Xeral nos aclara que se dictarán instrucións para os centros explicando todas as modificacións a levar cabo.

volver arriba

Coñécenos

Sectores

Servizos

Areas

Siguenos

Utilizamos cookies propias y de terceros para nuestros servicios, analizar sus hábitos de navegación, elaborar información estadística e inferir grupos de interés. Además compartimos los análisis de navegación y los grupos de interés con terceros. Al clicar en "Aceptar" o SI CONTINÚA NAVEGANDO, ACEPTA SU USO. También puede CONFIGURAR O RECHAZAR la instalación de cookies  “Cambiando la configuración de su navegador".