Resumo da Mesa sectorial do 16/12/21: Orde de avaliación e outros temas.

Resumo da Mesa sectorial do 16/12/21: Orde de avaliación e outros temas.

Seguindo a Orde do día da Mesa estes son os aspectos máis salientables que tratamos:

ORDE QUE REGULARÁ A AVALIACIÓN:

Como xa defendemos na pasada reunión co Conselleiro

A postura de UGT Servizos Públicos en canto ó desenvolvemento do Real Decreto xira entorno a tres puntos:

  • Defendemos que a promoción do alumnado sexa unha decisión colexiada e non a avaliación individualizada de cada profesor.
  • Cremos que todos e todas temos un mesmo obxectivo: a redución do fracaso escolar. Reducir ese 30% de repeticións na ESO implica unha solución que non se centra tanto no número de materias suspensas para promocionar ou non senón na máxima atención individualizada do alumnado. Iso só é posible cunha baixada da ratio e un aumento de recursos de persoal. 
  • Como se puido comprobar no tempo da pandemia, os desdobres e o aumento de profesorado traduciuse nun aumento do número de aprobados e da calidade do ensino.

Neste senso a nosa intervención comezou por afondar na confianza á obxectividade e criterio dos docentes. Entendemos como un ataque á profesionalidade e  autonomía dos equipos docentes  o feito de que, a partir de dúas materias   non superadas, se impón taxativamente a media aritmética do 5 para decidir sobre a promoción ou titulación do alumnado. Semella  unha invitación a que un alumno poida promocionar aínda que decida non traballar en dúas materias mentres que o estudante esforzado, ó que lle costa,  pode non ver recoñecido o seu tesón. A este respecto a Consellería ampárase no Real Decreto e di que se limita a aplicalo. Entendemos que o Real Decreto só exixe a media de cinco na etapa de bacharelato e non, como se pretende en Galicia, na ESO que é unha etapa obrigatoria.

Continuamos incidindo na necesidade de reforzar os cadros de persoal e baixar as ratios para dar cumprimento efectivo ás medidas de atención ao alumnado con necesidades especiais así como ao alumnado que non superou algunha materia. Os artigos 6.3 e 8.3 fan fincapé no seguimento do alumnado a través dun plan específico personalizado que non é factible coas ratios actuais. A Consellería non se pronuncia a este respecto.

Outro punto que salientamos  é que, nas tres etapas que abrangue o borrador, contémplanse os estándares como referentes de avaliación. Consideramos que, en aras dunhas instrucións claras e coherentes coa lexislación vixente, se debería aclarar que teñen un carácter “orientativo”. A Consellería resposta que mentres non estean elaborados os novos currículos os estándares son un referente necesario.

En cuarto  lugar solicitamos que se definan as actividades lectivas que faría o alumnado sen materias pendentes entre a terceira avaliación e a avaliación final en contraste co alumnado que necesita preparar as probas extraordinarias. A Consellería entende que, independentemente da situación do alumno, se debe seguir impartindo materia xa que a terceira avaliación en ningún caso condiciona irrevocablemente a avaliación final.

Con referencia á posibilidade de conseguir unha matrícula de honra platexamos que as porcentaxes pareceran discriminatorias xa que dependen dunha circunstancia (número concreto de alumnado nun curso  ou tipo de centro) que non teñen relación co esforzo e dedicación do alumno/a que opta a ela. A Consellería apoiase en que son de feito unha mellora con respecto ó que estaba establecido ata o de agora.

OUTRAS PETICIÓNS QUE NOS FIXESTES CHEGAR E LEVAMOS Á MESA INCLÚEN:

  • A necesidade urxente de información sobre o carácter da vindeira convocatoria de oposicións. Debemos informar ós aspirantes alomenos das previsións tanto no que atinxe ás especialidades e número de prazas como ó proceso en si. O contrario suporía a falta de respeto polo duro traballo do opositor que se une nesta ocasión á incerteza sobre a natureza do proceso.
  • Outra preocupación salientable tanto pola violación que supón do Acordo de Interinos como pola repercusión acentuada que ten en tempos de pandemia é o feito de deixar de cubrir todas as vacantes. Ampararse en tradicións, de sobra contestadas por este sindicato, non exhonera da obriga de ofrecer unha educación de calidade. Deixáronse de cubrir centos de vacantes aproveitando a coxuntura da ponte e a cercanía do Nadal.  Isto non se pode volver a repetir e instamos á Consellería a que mude esa práctica desde xa.
  • Destacamos tamén as queixas que nos chegan dende moitos equipos directivos en referencia á desorganización das instrucións e contactos que reciben dos rastrexadores. En concreto, poden chegar a recibir varias chamadas pola mesma casuística en días non lectivos. Isto redunda nunha falta de eficacia e sobre todo na falta de conciliación necesaria tamén para o persoal que compón os equipos directivos. Este é un motivo máis polo que instamos a retomar as reunións que a Consellería de Sanidade viña mantendo con nós.
  • Por último continuamos á espera do desenvolvemento do ROC aínda que a Consellería se escuda en que lle da prioridade á normativa relacionada co currículo e coa avaliación. 
volver arriba

Coñécenos

Sectores

Servizos

Areas

Siguenos

Utilizamos cookies propias y de terceros para nuestros servicios, analizar sus hábitos de navegación, elaborar información estadística e inferir grupos de interés. Además compartimos los análisis de navegación y los grupos de interés con terceros. Al clicar en "Aceptar" o SI CONTINÚA NAVEGANDO, ACEPTA SU USO. También puede CONFIGURAR O RECHAZAR la instalación de cookies  “Cambiando la configuración de su navegador".